O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, participaron no MIHL da Xuntanza de Finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo, a actividade reuniu nas instalacións do MIHL ás distintas finalistas dos premios e ás persoas que se encargarán de entregar os mesmos durante a gala do vindeiro sábado 21. O acto contou coa entrega de diversos premios das empresas patrocinadoras dos Mestre Mateo, como o Premio Abanca ao impulso da sostibilidade, o premio Deleite á Promoción da Lingua, ou o premio Martín Códax.
A gala dos Premios Mestre Mateo terá lugar o vindeiro 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo. Asistirán un total de 900 persoas, a cidade converterase no epicentro do audiovisual galego. A gran noite do cinema e da creación audiovisual contará coa tradicional alfombra vermella, pola que desfilarán rostros destacados do sector, profesionais finalistas e personalidades do ámbito cultural e institucional, nunha celebración que reunirá ao mellor do audiovisual galego do último ano.
Este ano, como novidade, ademáis da Gala de entrega de Premios a Academia organizará un espectáculo en directo para que o público poida seguir a gala desde un dos escenarios do propio Auditorio Fuxan os Ventos. A función especial estará presentada polo cómico Rafa Durán e incluirá numerosas sorpresas. Ademais, o público asistente poderá inmortalizar o momento nun photocall exclusivo e vivir de preto a experiencia da gran noite do audiovisual galego.
Con esta programación, a Academia Galega do Audiovisual, xunto ás institucións colaboradoras, aposta por converter Lugo nun espazo central de celebración, difusión e encontro arredor do talento e da creación audiovisual galega nas semanas previas á gran noite dos Premios Mestre Mateo.