Noia rende homenaxe ás mulleres do mar: o Concello dedica a Praza das Mariscadoras e bautiza o Museo do Mar co nome de Carmen Barcia

O Concello de Noia celebrou onte sábado, 7 de marzo, unha xornada especial arredor do Día Internacional da Muller na que a memoria e o recoñecemento ás mulleres tiveron un papel central. A programación comezou pola mañá cun stand informativo, o «Stand Agresión Off» na Casa do Concello, e continuou pola tarde co roteiro “A Memoria das Mulleres”, no que se desenvolveron dous actos de especial simbolismo para a historia local.

Durante o roteiro, o Concello inaugurou oficialmente a Praza das Mariscadoras, situada ao inicio do Paseo Marítimo de Noia, un espazo que hai décadas foi escenario da intensa actividade das mulleres do mar. A concelleira de Igualdade, Chelo Martínez, acompañada por membros do goberno municipal, presidiu o acto no que tamén participaron mariscadoras históricas da vila, integrantes de anteriores directivas da Agrupación de Mariscadoras de A Pé e representantes da actual.

No transcurso da inauguración colocouse unha placa conmemorativa que oficializa a nova denominación da praza. Martínez destacou que este recoñecemento pretende “facer xustiza coa memoria das mariscadoras de Noia, mulleres que co seu traballo sostiveron durante décadas a economía e a identidade mariñeira da nosa vila”.

A concelleira subliñou ademais que este espazo simboliza a pegada que deixaron xeracións de traballadoras do mar: “O Paseo Marítimo foi durante moitos anos un lugar de encontro, traballo e vida para estas mulleres. Con esta praza queremos que a súa memoria permaneza para sempre no corazón de Noia”, sinalou.

No marco do mesmo roteiro tamén se oficializou o cambio de nome do Museo do Mar de Noia, que pasa a denominarse Museo do Mar “Carmen Barcia”, en homenaxe a esta histórica armadora da vila. O acto contou coa presenza da familia da homenaxeada e serviu para poñer en valor a súa traxectoria e o seu papel no desenvolvemento da actividade marítima local.

Segundo indicou Chelo Martínez, “Carmen Barcia representa a tantas mulleres que contribuíron á historia marítima de Noia e que durante moito tempo non tiveron o recoñecemento público que merecían”.

A xornada concluíu cunha festa pola igualdade na rúa do Curro, onde se desenvolveron obradoiros de pintado de camisetas e bolsas dirixidos a pequenos e maiores, e sesións musicais a cargo de Rapariga DJ e Yaya DJ. A actividade puxo o broche final a unha programación que apostou pola interxeracionalidade, reunindo a veciñanza de distintas idades nun espazo de celebración e reivindicación da igualdade.

Con esta xornada, o Concello de Noia reafirma o seu compromiso coa recuperación da memoria das mulleres e co recoñecemento do seu papel fundamental na historia social, económica e cultural da vila.

Comparte éste artículo
No hay comentarios