85-80: O Ineltrón Santo Domingo tropeza en Vilagarcía

Os betanceiros perden no partido en que Marcos Rozas superou os 5.000 puntos.

Saltan as alarmas. Logo de estar virtualmente salvado, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos sumou no serán de onte a cuarta derrota consecutiva e ve como os rivais pola permanencia recortan distancias. O encontro estivo marcado por dous acontecementos dignos de celebración: no descanso os locais retiraron a camisola de Gus Andújar, tras 17 temporadas en activo, e, xa na pista, outro dos grandes veteranos da liga, Marcos Rozas, logrou superar a marca de 5.000 puntos na categoría nunha carreira que suma 19 temporadas en Tercera Feb (antes liga EBA),12 delas (e dúas máis en 1a Nacional) co Santo Domingo Betanzos. O pivote betanceiro rematou o partido con 5007 (11 puntos anotados no partido) pero iso non foi suficiente como para que os de José Amando Pena “Soviético” sumasen unha vitoria que daba media permanencia.

O partido foi un partido tremendamente igualado (42-42 ao descanso), pero que se complicou nun terceiro cuarto en que os locais, que xogaban seguir tendo algunha posibilidade de salvación, souberon levar o encontro ao seu rego, chegando a sumar unha diferenza de +14 nos últimos minutos de partido. O oficio dos betanceiros logrou deixar a incerteza no marcador ata os últimos segundos, pero, malia levar o último lance por 19-23, non conseguiron arrebatar a merecida vitoria final dos de Vilagarcía por 85-80 nunha pista que vibrou co baloncesto.

Polo lado das achegas individuais, gran partido outravolta do capitán Abelleira (20 puntos e 31 de valoración), bos números de Dani Martín (16 puntos) e Randolph (14) e eses 11 puntos para un Marcos Rozas que sobordou amplamente ese récord dos 5000 puntos en liga.

Vindeira semana: Estudiantes Lugo na casa. O Santo debe gañar xa, si ou si.

Comparte éste artículo
No hay comentarios