O Partido Popular de Ourense trasladou hoxe o seu “apoio incondicional” á plataforma Dereito ao Tren na súa loita por recuperar as frecuencias ferroviarias “inxustamente suprimidas” o pasado mes de xuño. Nunha reunión mantida na Gudiña, os representantes populares denunciaron o abandono sistemático ao que o Ministerio de Transportes somete a miles de usuarios do rural ourensán.
O deputado nacional Celso Delgado foi especialmente crítico coas promesas incumpridas do ministro Óscar Puente. «Anunciaron que a principios deste 2026 se recuperaría a parada matinal aproveitando a conexión con Lugo, pero a realidade é que oito meses despois os veciños seguen sen opcións para chegar a Madrid antes das 14:00 horas», denunciou Delgado.
Un «castigo» á cohesión territorial
Os populares lembraron que, antes do recorte de servizos, os usuarios podían estar na capital ás 10:34 horas, permitindo realizar xestións ou transbordos. Co sistema actual, o primeiro tren non sae ata as 12:08 e o último de volta parte ás 18:06.
«É un auténtico disparate de horarios, inútiles e discriminatorios», afirmaron os membros da delegación popular, que acusa ao Goberno de exercer un “desprezo maiúsculo” cara ás comarcas de Monterrei, Viana, Valdeorras, Trives, Conso-Frieiras e A Limia. «Falan de cohesión territorial mentres illan aos nosos pobos», subliñou o deputado.
Estación sen accesibilidade
Ademais da falta de trens, o PP de Ourense puxo o foco nas deficientes instalacións da estación A Gudiña-Porta de Galicia. Os populares denunciaron que, anos despois da súa inauguración, os usuarios seguen sen contar cun ascensor, véndose obrigados a percorrer unha longa rampla a pesar de que o oco para o elevador xa está construído.
A delegación do PP, composta por deputados, senadores e cargos provinciais, comprometeuse a seguir levando esta «ofensa ao rural» a todas as institucións —Cortes Xerais, Parlamento de Galicia e Deputación— ata que Renfe e o Ministerio rectifiquen unha decisión que cualifican de «política e arbitraria».