Lugo acollerá o 5 de setembro as XIX Xornadas do Peregrino “Abrindo Camiño”

O Concello de Lugo acolleu este mércores a presentación das XIX Xornadas do Peregrino “Abrindo Camiño”, que se celebrarán os días 5 e 6 de setembro coa xornada inaugural na capital luguesa e continuidade ao día seguinte en Mondoñedo. A cita enmárcase no Congreso/Encontro Xacobeo en Galicia e estará dedicada aos Camiños de Santiago do Norte.

Na presentación participaron a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; o presidente da Asociación “Abrindo Camiño” de Mondoñedo e vicepresidente por Galicia da Agrupación do Camiño de Santiago do Norte, José Luis Fernández Ansedes; e o concelleiro de Cultura do Concello de Mondoñedo, Alberto García Fernández.

Ao acto asistiron tamén Daniel Vázquez Vila, codirector do documental que destaca a traxectoria social e educativa dunha mestra mindoniense vinculada á colectividade galega na Habana; membros da xunta directiva da Asociación “Abrindo Camiño”; Pilar Falcón Falcón, presidenta da Asociación de Periodistas Gallegos en Madrid; e representantes da produtora Animatium, entre outros.

As xornadas reunirán a representantes institucionais, asociacións de Amigos do Camiño, especialistas e persoas vinculadas ao estudo, conservación e divulgación das rutas xacobeas. O encontro permitirá abordar os retos e as novas perspectivas dos Camiños de Santiago do Norte, así como diferentes iniciativas relacionadas co patrimonio xacobeo e co vindeiro Ano Santo Xacobeo 2027.

Lugo acolle a xornada inaugural

A programación comezará o sábado 5 de setembro en Lugo cunha recepción na Catedral Basílica, seguida dunha visita guiada ao Museo Diocesano e Catedralicio e dun percorrido polo adarve da Muralla Romana.

Pola tarde, O Vello Cárcere acollerá a inauguración oficial das xornadas e diferentes mesas de análise e debate sobre os Camiños de Santiago. Nelas participarán representantes de asociacións de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia, así como representantes institucionais vinculados ás distintas rutas xacobeas.

A xornada pecharase cun concerto da Banda Municipal de Música de Lugo.

O domingo 6 de setembro, a programación continuará en Mondoñedo con proxeccións audiovisuais vinculadas aos camiños de peregrinación, visitas guiadas, intervencións relativas á historia e patrimonio dos camiños e unha Romaría Xacobea.

Unha mirada á historia da emigración galega

As xornadas inclúen tamén a presentación do documental Andrea López Chao, o legado dunha mestra galega en Cuba, que se estreará o 27 de outubro no Salón Teatro – Centro Dramático Galego de Santiago de Compostela.

As XIX Xornadas do Peregrino “Abrindo Camiño” contan coa colaboración do Concello de Lugo, o Concello de Mondoñedo, a Deputación de Lugo, a Diocese de Lugo, a Diocese de Mondoñedo-Ferrol, a Xunta de Galicia, Xacobeo 2027 e RTV Camiño de Santiago, xunto con outras entidades e asociacións vinculadas á promoción e divulgación dos Camiños de Santiago.

Comparte éste artículo
No hay comentarios