Un Celta que traballou arreo defensivamente, sacou un empate en Balaídos contra o poderoso O. Lyonnais. Javi Rueda, culminando unha contra de libro, adiantou aos galgos no primeiro tempo. O partido quedou condicionado pola expulsión de Borja Iglesias no comezo do segundo tempo. O Celta aguantou con dez até que Endrick, xuntando a calidade dun xute á fortuna, pois o coiro escorregoulle a Radu cando parecía ter chapado o balón, empatou a piques do remate. O pase a cuartos resolverase en Lión o próximo xoves,
O Celta tamén xoga sen posesión
O partido comezou raro, co saque inicial do Lyon para uns xogadores que cargaban o lado esquerdo, antes da divisoria, e o árbitro belga atrapallando, co seu mal posicionamento, as dúas primeiras saídas do Celta. Logo viñeron dúas entradas galas que deixaron aos olívicos polo chan e non pasaran dous minutos.
Aos catro, na primeira chegada, Tolisso mandou coa cabeza, por riba da trabe, un centro de Endrick.
No minuto nove, o brasileiro forzou o ataque pola liña de fondo, o coiro quedou na área para Nartey, que golpeou mal, e mandou fóra o xute cruzado. O Celta xogaba en repregamento, con Iago Aspas e Swedberg recuando en apoio dos medios e volvía imposible a tentativa lionesa de xogar por dentro. O peor non era que os galos quixeran ter a pelota, senòn que a recuperaban axiña.
O primeiro disparo galego foi aos 17 minutos. Borja Iglesias recibiu na área un pese diagonal e xutou con pouca forza, querendo sorprender ao ex mallorquinista Greif. O compostelán viu despois o primeiro cartón do partido.
No minuto 24, logo que Radu estivera atento a desviar un pase na área de Tolisso a Yaremchuk, o Celta montou a contra polo centro. Vecino carretou, habilitou pola esquerda a Swedberg, o sueco gañou na carreira a Mata, centrou raso desde o lateral da área e Javi Rueda só tivo que empurrar o 1-0.
Case empata o Lyon á media hora, nunha perda de Moriba ante Nartey no primeiro terzo de campo. Endrick apoiou para ser servido na curta e xutar a rentes do pau. O Celta respondeu elaborando xogada no 32. Mingueza deu o último pase e Borja Igesias, querendo picar sobre a saída de Greif, viu como o meta rexeitaba o remate.
No 38, Radu estivo rápido logo de aguantar entre paus o centro de Morton para a cabezada de Endrick. O cedido polo R. Madrid non chegou e o romanés apurou a estirada para evitar o gol.
O primeiro tempo cumpriuse cun disparo desviado de Tagliafico desde fóra da área, que expresaba o dominio do cadro galo e a súa falta de resolución, ante un Celta impreciso na saída na parte final do período.
Xogar cun menos non dá por pouco
Ademais dun cartón a Mingueza, a man de Radu rozando o necesario un xute de Endrick desde a frontal foi o máis importante dos seis primeiros minutos do segundo tempo. Foi antes do cartón a Tagliafico e do segundo a Borja Iglesias por protexer un balón batendo na cara de Niakhaté co cóbado. O Celta, que entrara con Sergio e Jutglà por Iago Aspas e Javi Rueda, ficaba con dez e o segundo tempo comezaba a sentirse longo.
Superada a hora, Giráldez protexeu mellor a liña defensiva coa entrada de Ristić por Mingueza. Fonseca non tivo sorte coa entrada de Himbert, que aos tres minutos estaba de volta no banco cun problema na perna.
Mentres, Radu sacaba da trabe un centro xute, chapaba un lanzamento afastado de Morton e escoitaba o gong no pau a outro golpeo de Kanga desde lonxe. O choque entraba no derradeiro cuarto de hora.
O romanés estivo espectacular nunha estirada salvadora coa que sacou coa man esquerda a cabezada de Yaremchuk a centro de Endrick. O 1x5x3x1 do Celta comezaba a sentir a inferioridade e Balaídos valoraba cada posesión do equipo, malia que fora de medio minuto, coma se fose ouro.
No minuto 87, despois do susto por un disparo de Abner Vinícius que lambeu o pau, o Lyon igualou. Foi o enésimo disparo de Endrick desde a frontal, Radu adiviñou, pero o coiro escorregoulle polo corpo e cando reaccionou, colleu o balón alén da liña de gol.
A ulterior presión lionesa non inquietou ao Celta, que deberá resolver o seu pase a cuartos dentro de oito días en Lión.
Ficha
XOVES 12/03/2026 (21,00) Campo: BALAÍDOS (21.673)
R.C. CELTA : 1 – O. LYONNAIS : 1 (1‑0)
CEL : Radu; Javi Rodríguez, Starfelt, Marcos Alonso; Javi Rueda (Sergio D), Vecino, Moriba (Hugo Sotelo 89’), Mingueza (Ristić 62’), Iago Aspas (Jutglà D), Borja Iglesias, Swedberg (Pablo Durán 66’). Tre. Claudio Giráldez. (Banco: Villar (g); Aidoo; Núñez; Carlos Domínguez; Hugo Álvarez; Fer López; El-Abdellaoui).
LYO : Greif; Kango (Tessemann 85’), Mata, Niakhaté, Tagliafico (Himbert 66’) (Karabec 69’); Endrick, Tolisso, Nartey (Hamdani 85’), Morton (Mangala 85’), Abner Vinícius; Yaremchuk. Tre. Paulo Fonseca. (Banco: Descamps (g); Konan (g); De Carvalho; Merah; Tiago Gonçalves).
Goles: 1-0 Javi Rueda 25; 1-1 Endrick 87’.
Árbitro: Lambrechts (Bélxica). Auxiliares: De Weirdt e Hillaert. 4º árb.: Verboomen.
VAR: Van Driessche. AVAR: Boterberg.
Disciplina: CA: Mingueza 47’; Tagliafico 52’; Kango 76’; Marcos Alonso 90’ // DA: Borja Iglesias 19’ e 53’.