Quinkillada volta ás súas orixes co seu novo sinxelo, Quinkirumba

Con esta rumba, a banda promete “tocar unha canción máis” grazas aos folgos do seu público.

A banda morracenseQuinkillada vén de publicar o seu novo sinxelo Quinkirumba, unha rumba que os devolve tanto ás súas orixes como ás dos xéneros que tocan. Nel, expoñen a súa predisposición e ganas de seguir tocando e dándoo todo pola xente que os apoia. Un canto de agradecemento ao seu público coa clara intención de valorar os folgos que lles transmiten, establecendo ese paralelismo de cando a festa está a piques de rematar pero os ánimos fan que a banda toque unha última. A conexión co seu público leva marcando toda a súa carreira, e desta vez a banda quere devolver todo ese aoio en forma de canción.

Quinkirumba é unha débeda pendente que tiña a banda co seu pasado e o pasado dos xéneros polos que transitan, outorgando valor á rumba, semente da súa música. A banda morracense explora así este xénero para outorgarlle o seu selo persoal, evocando aos tempos nos que a rumba era un estilo en auxe, que coincide cos inicios da banda.Nesa época versionaban temas coñecidos, medraban en festivais que traían referentes e escoitaban a moitos artistas cataláns que a día de hoxe son inspiración para eles, e un tema coma este é unha clara volta a eses inicios.

O sinxelo leva consigo moito tempo de composición e produción, xa que foi un tema que se traballou a lume lento e pasando por moitos estados para acadar o resultado final. Ao principio a banda fixou como obxectivo traballar nunha rumba que representase eses comezos, e a partir dese concepto foron musicalizando e compoñendo  a letra. Como resultado, atopamos un traballo cun toque emotivotanto para eles como para o seu público.

COMEZO DA XIRA ENTRE CUMBIAS E RUMBAS

Quinkillada porá o punto de partida da súa nova xiraEntre Cumbias e Rumbas cun concerto especial na sala Adro de Cangas o próximo 2 de maio. O show terá lugar a partir das 22:00 e servirá para celebrar o quinto aniversario da banda, que ten preparado un directo cheomomentos inesquecibles que levarán polas distintas festas, festivais e salas, para convertelas en torreiros cheos de baile e moita diversión. As entradas están xa dispoñibles en entradium.com.

Polo momento, o primeiro festival confirmado é o SonRías Baixas, un dos máis importantes do verán galego, e no que xogarán na casa. Os do Morrazo levarán a festa a Bueu, nun concerto que cobra un cariz especial por ser un dos festivais aos que ían de novos e ao que lle adicaron un verso nun dos seus primeiros temas, Festival.

PRIMEIRAS DATAS XIRA ENTRE CUMBIAS E RUMBAS

02/05 · Sala O Adro · Marín

30/07-01/08 · Festival SonRías Baixas · Bueu

MÁIS SOBRE QUINKILLADA

Transitando xéneros como a cumbia, o rock, o ska e os ritmos máis bailables, Quinkillada é o grupo que sintetiza a alma da festa galega. Combinando nas súas composicións tons festivos, populares e reivindicativos, a banda constrúe o seu legado a base de músicas enérxicas, auténticas e, sobre todo, bailables. Dende os torreiros das festas máis populares ás tarimas das salas e festivais máis importantes, Quinkillada é capaz de transformar calquera contexto nunha pista de baile.

Cunha carreira meteórica ás costas, a banda morracense xa conta con máis dun centenar de concertos no seu haber, levando o seu bo rollo a grandes festivais galegos como OurenSound, Festival de la Luz, Castañazo ou Armadiña Rock. A súa música chegou tamén ás grandes salas de concertos do estado, con actuacións nas míticas Razzmatazz de Barcelona ou Capitol de Santiago de Compostela. 

Con xa tres discos publicados, acumulando centos de milleiros de reproducións en plataformas, a banda traballa en novos horizontes aos que levar a súa festa de guitarras, ventos e diversión. A verbena galega busca expandirse e chegar a todas partes envolta na súa música.

Comparte éste artículo
No hay comentarios