O Grupo Socialista reclama á Xunta recuperar as cociñas propias nas residencias do Consorcio para garantir menús de calidade

Silvia Longueira cualifica de “intragable” o menú actual e reclama persoal cualificado para garantir unha alimentación digna e de calidade

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para esixir a suspensión inmediata do servizo de cátering nas residencias do Consorcio Galego de Benestar. A deputada reclama que se habilite persoal de cociña cualificado en cada centro para poñer fin a uns menús que cualificou de “intragables”.

Longueira alertou da situación extrema que viven os usuarios e usuarias, quen denuncian que a comida chega con frecuencia “con mal olor, mal cociñada ou resulta imposible de mastigar”. Segundo a responsable socialista, esta degradación do servizo é a consecuencia directa da decisión do Goberno galego de apostar por cáterings precociñados de baixo custo en lugar de aproveitar as instalacións de cociña das que xa dispoñen as propias residencias.

Un menú de «un euro» que xera rexeitamento

A realidade que describen os residentes é alarmante: moitos vense obrigados a alimentarse case exclusivamente de almorzos e merendas. “A froita, o iogur e as galletas son o único que poden inxerir sen que lles produza rexeitamento”, sinalou Longueira, quen criticou que o custe destes menús —que chegan precociñados, conxelados ou presurizados— rolde apenas o euro por unidade.

A portavoz socialista subliñou que estas queixas son secundadas polo propio persoal dos centros, que testemuña diariamente como a comida acaba no lixo mentres os maiores sofren as consecuencias dunha xestión deficiente.

A batería de propostas chega despois de que as persoas afectadas esgotaran todas as vías de reclamación:

  • Trasladaron as queixas formalmente á Valedora do Pobo.
  • Convocaron concentracións de protesta.
  • Desprazáronse ata o Parlamento de Galicia para visibilizar o conflito.

“A pesar da mobilización social, o Goberno galego segue sen mudar un modelo que prima o aforro económico sobre a saúde e a dignidade dos nosos maiores”, concluíu Silvia Longueira, instando á Consellería de Política Social a recuperar a xestión directa das cociñas de xeito urxente.

Comparte éste artículo
No hay comentarios