O Concello de Noia vén de conseguir unha subvención de 100.000 euros da Dirección Xeral de Comercio destinada a continuar co proceso de mellora, recuperación e dinamización da Praza de Abastos.
O alcalde de Noia, Fran Pérez, destacou que esta achega “permitirá seguir avanzando na normalización da actividade comercial e na mellora das instalacións, dando resposta ás necesidades dos praceiros e praceiras, así como avanzar na consecución do distintivo de mercado de excelencia”.
Neste sentido, Pérez lembrou que xa se executaron 35.000 euros en actuacións que farán posible a apertura de dúas carnicerías e unha froitería, favorecendo a reactivación progresiva da praza.
A nova subvención permitirá investir arredor de 60.000 euros en melloras na parte superior do edificio, que inclúen a habilitación dun local de hostalería, a apertura dunha nova froitería e a mellora dos baños. Para esta actuación, o Concello realizará unha achega complementaria de aproximadamente 20.000 euros.
Ademais, destinaranse 40.000 euros á redacción dun proxecto integral que permita solucionar de maneira definitiva as deficiencias existentes na Praza de Abastos e avanzar na obtención do distintivo de mercado de excelencia. O alcalde confirmou que existe un compromiso da Xunta de Galicia para executar posteriormente as obras necesarias.
O rexedor sinalou que estas actuacións permiten “dar pasos firmes para corrixir unha intervención anterior que, malia supor un investimento moi elevado, deixou a infraestrutura sen rematar e cun impacto negativo na actividade dos praceiros e praceiras”.
Pola súa banda, o tenente de alcalde, Manolo Seijas, puxo en valor a importancia dunha xestión eficiente dos recursos públicos: “con planificación e responsabilidade, é posible avanzar na solución dos problemas existentes, reactivar espazos que levaban anos en situación de bloqueo e devolverlle á praza o papel que merece”.
Desde o Concello de Noia subliñan que, con este novo impulso, se continúa avanzando na recuperación dun espazo clave para a economía local, apostando por unha solución definitiva que permita consolidar a actividade comercial e mellorar os servizos ofrecidos á cidadanía.