Arroxo aposta polo Gran Parque Central para os terreos da actual estación



 Rubén Arroxo,
portavoz do BNG de Lugo defendeu a proposta lanzada polo BNG para o espazo da actual Estación de Autobuses unha vez entre en funcionamento a futura estación intermodal. No debate organizado pola Asociación Lugo Monumental, Arroxo dixo que esta proposta permitirá crear «un parque urbano que mellore a paisaxe da cidade» e destacou o «consenso histórico» sobre a idea de remodelar este espazo.

Segundo Rubén Arroxo, «o resto de opcións implican rematar a Intermodal e deixar a estación actual, que xa está infrautilizada», e contrapuxo ese modelo «coa transformación deste espazo nun gran espazo público e útil para a veciñanza». A proposta defendida polo BNG inclúe tamén a creación dun aparcadoiro soterrado «que suprima definitivamente os problemas de estacionamento no centro de Lugo» e dun carril que una a rúa Dinán e a avenida Anxo López Pérez «eliminando na práctica o tráfico rodado, e permitíndonos contar cun novo espazo peonil de máis de 27.000 metros cadrados, case 3 hectáreas en total nun gran espazo peoonil que comeza na propia Muralla».

O BNG propón que este espazo conte cun punto de parada para as liñas de transporte interurbano, permitindo a chegada das persoas que se despracen en autobus ao centro da cidade, máis mantendo o novo espazo como «unha nova praza verde integrada no casco histórico». O portavoz do BNG afirmou que «esta nova praza permitiríanos gañar un pulmón verde no centro, crear un gran aparcadoiro e manter un espazo para autobuses sen precisar o actual almacén de buses».

A proposta do BNG permitirá avanzar na creación dun gran pulmón verde na cidade de Lugo e no control de temperaturas nos espazos públicos, ao habilitar novas zonas de sombra. Arroxo afirmou que «esta medida permitirá seguir a colaborar para paliar os efectos do cambio climático», e engadiu «a situación actual require de moitas accións a nivel global, mais é preciso tamén traballar a pequena escala desde as administracións, creando espazos habitables para a veciñanza, especialmente útiles nos meses de calor».

Comparte éste artículo
No hay comentarios