O BNG defende a inclusión das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común como vítimas da ditadura franquista

Néstor Rego reclama ao Goberno un recoñecemento explícito para garantir a súa reparación, dignificación e rehabilitación.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas en que recolle as demandas da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais, para que o Goberno do Estado faga unrecoñecemento explícito das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común como vítimas da ditadura franquista. O obxectivo da iniciativa nacionalista é garantir a reparación, dignificación e rehabilitación das comunidades de montes, polo espolio, represión e usurpación das súas terras.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia que “as Comunidades de Montes Veciñais sufriron unha auténtica política de saqueo institucionalizada durante o franquismo, que lles arrebatou os seus recursos, o seu medio de vida e os seus dereitos colectivos”.

O BNG lembra que o Decreto de 8 de febreiro de 1946 permitiu que moitos montes veciñais pasasen a mans municipais mediante procedementos administrativos irregulares, facilitando a súa inscrición como bens públicos sen o consentimento da veciñanza. A isto sumouse a actuación do Patrimonio Forestal do Estado, creado en 1941, que impuxo pola forza modelos de explotación forestal baseados en especies como o piñeiro e o eucalipto, en contra da vontade das comunidades locais e en detrimento do bosque autóctono.

Segundo sinala Néstor Rego “falamos dunha ocupación ilegal das terras comunitarias, acompañada de represión directa contra a veciñanza que se organizou para defender o que era seu”. Neste sentido, o BNG lembra episodios de especial gravidade, como os acontecidos en 1963 en Mazaricos, onde a Garda Civil chegou a matar e ferir veciños que trataban de impedir a ocupación do monte.

A organización nacionalista subliña que esta política tivo consecuencias sociais e económicas devastadoras, provocando a perda de medios de vida, o aumento da emigración e o despoboamento do rural galego, ademais de sentar as bases dun modelo forestal “prexudicial e insostíbel”.

“Debe haber un recoñecemento oficial da represión, da usurpación e do espolio sufridos polas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común durante a ditadura franquista e un recoñecemento da resistencia da veciñanza comuneira e das graves consecuencias que padeceu, incluíndo sancións, multas, encarceramentos e mesmo mortes” defende o deputado nacionalista.

Así mesmo, Néstor Rego sinala a necesidade de que estas comunidades sexan tratadas como suxeitos colectivos vítimas da ditadura, con dereito a reparación, dignificación e rehabilitación polo que reclama a modificación da Lei de Memoria Democrática para incluíla como vítima.

“Deben adoptarse todas as medidas efectivas de reparación, entre elas a declaración de nulidade de pleno dereito de todos os actos e negocios xurídicos realizados sobre montes veciñais até 1980 ao abeiro da lexislación franquista” engade Rego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios