O Burgo (Culleredo) acollerá o vindeiro xoves 26 de marzo ás 19:00 a presentación do libro Viñetas en Vegliota, do autor Uxío Pérez López, nun encontro que terá lugar na sala de reunións dos Servizos Múltiples do Burgo (2o andar).
A actividade, organizada polo Colectivo das Pedras Galladas, propón un achegamento á banda deseñada galega non só como formato artístico, senón tamén como ferramenta para comprender o contexto social, cultural e político no que naceu e se desenvolveu. A través desta obra, Uxío Pérez López achéganos o nacemento, historia e importancia da BD en Galicia, destacando o seu carácter reivindicativo e o seu papel dentro da cultura do país.
O encontro combinará a presentación do libro cunha conversa arredor da evolución da banda deseñada e do seu papel galeguizador. Ademais, estará presente a editorial Baía Edicións, polo que as persoas asistentes que o desexen poderán adquirir o libro no propio evento e levalo asinado polo autor.
Desde a organización convidan a participar a todas aquelas persoas interesadas, tanto público xeral como comunidade educativa, nunha cita que busca abrir espazos de reflexión e diálogo arredor da cultura galega.