O que acaba de suceder nun procedemento relativo á autorización da liña de alta tensión (LAT 220 kV Campelo–Mesón debería abrir un debate serio sobre o funcionamento do reparto interno no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Estamos ante un proxecto de natureza claramente industrial, enerxética e sometido a avaliación ambiental. Un tipo de asunto que, conforme ás normas de reparto vixentes da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG —aprobadas pola Sala de Goberno o 24 de novembro de 2023 e publicadas no BOE de 27 de decembro de 2023— debería incardinarse no ámbito material da Sección Terceira .
Estas normas son claras:
a Sección Terceira coñece, entre outras materias, de industria e innovación tecnolóxica, así como de todos aqueles asuntos que, por razón da súa materia, non correspondan ás restantes seccións.
Pola contra, a Sección Segunda ten atribuídas materias como urbanismo, medio ambiente, patrimonio ou recursos naturais, pero non a ordenación industrial e enerxética en sentido estrito.
E aquí está o problema.
Un proxecto como unha liña de alta tensión non é só unha cuestión ambiental. É, ante todo, unha infraestrutura enerxética, un proxecto industrial complexo, sometido á lexislación do sector eléctrico e á planificación enerxética. A avaliación ambiental é un elemento do procedemento, pero non define a natureza principal do acto.
Porén, neste caso, o procedemento foi asignado á Sección Segunda e, ademais, nun procedemento no que resulta designada como poñente a propia presidenta da Sala, circunstancia que, sen prexuízo do máximo respecto institucional, acentúa a necesidade de extremar a transparencia e o rigor no cumprimento das normas de reparto, evitando calquera dúbida sobre a súa correcta aplicación.
E iso introduce unha dúbida xurídica seria.
O reparto interno non é unha cuestión menor nin organizativa. É unha garantía constitucional. Forma parte do dereito ao xuíz predeterminado pola lei (art. 24 CE) e está directamente conectado co principio de seguridade xurídica e coa interdicción da arbitrariedade (art. 9.3 CE).
As normas de reparto non están para orientarse, están para cumprirse.
Cando un asunto que encaixa materialmente na categoría de “industria” é coñecido por unha sección distinta, xorde inevitablemente a pregunta: aplicáronse correctamente as normas de reparto?
E cando esa pregunta non ten unha resposta clara, aparece un concepto incómodo pero imprescindible: o forum shopping interno.
Non é necesario demostrar que exista unha intención de manipulación. Abonda con que exista unha desviación non explicada respecto dos criterios obxectivos fixados nas normas de reparto. Porque esa desviación, por si soa, xa introduce unha sombra de dúbida.
E en Dereito, a aparencia tamén conta.
As normas aprobadas en 2023 polo propio TSXG teñen precisamente como finalidade evitar calquera marxe de discrecionalidade na asignación de asuntos entre seccións. Establecen categorías materiais claras: industria nun lado, medio ambiente noutro. Non son intercambiables.
Permitir que un mesmo tipo de asunto poida ser asignado indistintamente a distintas seccións, sen un criterio explícito e verificable, supón abrir a porta a unha incerteza que o sistema non se pode permitir.
Porque entón o reparto deixa de ser predeterminado.
E se deixa de ser predeterminado, deixa de cumprir a súa función constitucional.
Nun momento de enorme presión sobre o territorio galego pola proliferación de proxectos enerxéticos, a garantía de que estes asuntos son resoltos pola sección que lles corresponde non é un detalle técnico. É unha condición básica de lexitimidade.
Non se trata de cuestionar a imparcialidade de ningunha sección.
Trátase de algo máis básico:
Que as regras sexan claras, que se apliquen sempre igual, e que non existan excepcións sen explicación.
Porque cando iso non ocorre, a pregunta xa non é só xurídica.
É inevitable:
quen decide… quen debe decidir?
E esa resposta, nun Estado de Dereito, non pode depender de nada máis que das normas previamente establecidas.
Todo o demais introduce dúbidas.
E onde hai dúbidas, a confianza rompe.
Parece que escuece que no le den los temas en los que enarbolan su bandera el nacionalismo a la sección tercera. Aplíquese usted su última frase, doña Ana