O PP de Barreiros defenderá no pleno a recuperación dos refuxios de Gondán e da escola de San Xusto, abandonados dende o 2019

José Manuel Gómez Puente explica que a situación de abandono de ambos refuxios “está a xerar malestar entre os usuarios do Camiño, que botan en falta estes espazos que lles permitían descansar tras unha longa etapa procedente de Ribadeo”.

Os concelleiros do PP de Barreiros defenderán no vindeiro pleno municipal un rogo relativo ao peche dos dous refuxios situados en Gondán e na antiga escola de San Xusto, unhas instalacións que foron moi utilizadas durante anos por veciños e, especialmente, por peregrinos.

O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, recorda que ambos refuxios permanecen pechados desde o ano 2019, “unha situación que está a xerar malestar entre os usuarios do Camiño, que botan en falta estes espazos que lles permitían descansar tras unha longa etapa procedente de Ribadeo”.

O popular sinala que estes puntos de acollida cumprían unha función básica de apoio ao peregrino, contribuíndo tamén á boa imaxe do municipio como lugar de paso e acollida. “Vemos moi necesario que o goberno local adopte medidas para a súa recuperación e posta en valor”, afirmou.

José Manuel Gómez Puente amosou a súa preocupación ante a situación actual do refuxio de Gondán, que “presenta un estado de abandono, con sinais evidentes de suciedade e falta de mantemento, o que transmite unha imaxe negativa tanto para visitantes como para os propios veciños”.

Deste xeito, dende o PP de Barreiros solicitarán no pleno que se proceda á limpeza, acondicionamento e reapertura destes refuxios, devolvéndolles a utilidade que tiveron durante anos e mellorando así a atención aos peregrinos que atravesan o municipio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios