O equipo local, o Xiria, é unha das revelacións da temporada do Grupo AB da 3a FEB.
O Ineltrón Santo Domingo Betanzos ten unha cita máis para lograr a vitoria que lle certifique a permanencia na 3a FEB e o dereito deportivo a participar nesta liga de ámbito estatal a vindeira temporada 26/27. Logo da inesperada derrota en Navia, os betanceiros visitan desta volta a pista do Xiria, en Carballo, no que vai ser o último dos 3 partidos da Fase Regular da temporada. O rival, unha das auténticas revelacións da competición, ocupa a segunda praza do grupo, con 18 vitorias e 5 derrotas e grandes posibilidades de pelexar pola presenza no Play-Off de ascenso, polo que o encontro que se lles presenta aos de José Amando Pena “Soviético” é un encontro bastante complicado de sacar adiante. Os carballeses, que a penas se resentiron da marcha do seu interior Curtis Larousse ao Bisbal Basquet de 2a FEB, contan cunha nutrida plantilla na que destaca a aportación de Carlos Valera, vinculado ao Basquet Coruña, ou o belga Darnell Snyers, sen esquecérmonos do incombustible Rubén Rey ou Martínez Granda.
Así valora o partido o adestrador betanceiro: “O partido de Carballo é un partido onde ambos os dous equipos xogamos moito. Se queremos gañar temos que defender con moita intensidade os catro cuartos e intentar asegurar un rebote defensivo que nos permita ataques rápidos. O Xiria é moi intenso en defensa e ten moi bos exteriores”.A cita terá lugar no pavillón Vila de Noia, en Carballo, o sábado ás 17.30h e será retransmitido por tiivi.gal.
Torneo para os infantís en Vilagarcía e varios partidos de interese na xornada
Polo que toca ao resto do club, nunha xornada que xa comezou o mércores 25 coa vitoria do Grelo Cadete fronte a Basquet Coruña U15, a cita máis atractiva, sen dúbida, vai ser a participación do Cyrdega infantil masculino no memorial Miguel Ángel Estévez de Vilagarcía, nun torneo que arrinca o venres ao serán con partidos contra Salesianos Vigo e Grupo Cultura Covadonga de Gijón. Outra cita importante será o partido dos cadetes de J.Caamaño Arquitecto contra Traumacor Culleredo, no que unha vitoria, sumada a outros resultados, podería dar xa a permanencia matemática do equipo en Primeira División. No que respecta a os outros equipos do club, a meirande parte deles, cando non descasan, xogan fóra (caso das cadetes de Decornaveira contra Baxi ou as infantís de Warnier en Culleredo) reducíndose as citas no José María Valeiro Iglesias “Tocayo” ao xa citado cadete masculino e ao encontro que medirá as sénior feminino de Neón Tasca a Artai, o domingo ás 17h.