A moción saíu adiante para reclamar que o presidente sexa apartado dos seus cargos, nunha sesión marcada polo cruce de reproches entre o bloque do goberno e a oposición
Os deputados do Grupo Provincial Popular lamentan que o goberno de PSOE e BNG siga a amparar “as presuntas conductas” de José Tomé ao negarse a esixir tanto ao ex presidente como ás mulleres que taparon os presuntos feitos, Pilar García Porto e Lara Méndez, que se afastasen da política.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, lamenta que dende o goberno provincial se negasen a esixir a José Tomé, Pilar García Porto e Lara Méndez que se apartasen de forma definitiva da vida política.
O voceiro popular recordou como “a situación mudou notablemente” dende que se reprobou a José Tomé no pleno da Deputación, xa que “agora ten abertas dilixencias penais por parte da Fiscalía por un presunto delito de acoso sexual”.
“A realidade é que o PSOE están intentando branquear e normalizar uns feitos que inclúen o presunto ofrecemento de postos de traballo a cambio de sexo”, denunciou.
Antonio Ameijide foi especialmente duro con PSOE e BNG. «Cando tiveron que escoller entre defender a unha muller ou a un presunto acosador, escolleron ao presunto acosador», criticou.
Ademais, o popular acusou aos deputados do BNG de manter o seu apoio a Tomé, por “negociar nos pasillos con el mentres facían un paripé ante os medios de comunicación dicindo que non se sentarían nas xuntas de goberno mentres as presidise”.
Antonio Ameijide recordou como o PSOE segue amparando a Tomé á fronte do Concello de Monforte e sinalou como a oferta do PP para apartar a Tomé da alcaldía segue vixente. “Os votos dos concelleiros do PP seguen dispostos para apoiar a calquera candidato alternativo que propoña o PSOE para realizar unha moción de censura mañá mesmo”, sinalou.
ACTUALIZACIÓN DAS ORDENANZAS DE VÍAS
Antonio Ameijide tamén lamentou que tanto PSOE como BNG se negasen a aplicar beneficios fiscais ou bonificacións nas taxas que pagan os Concellos por realizar obras nas zonas contiguas ás estradas provinciais ou para o aproveitamento de bens de dominio público provincial que sexan necesarias para prestar servizos públicos de competencia municipal.
O voceiro popular sinalou a necesidade de “poñer en marcha o procedemento para modificar as ordenanzas fiscais reguladoras” porque, nos termos actuais, “supón un elevado custo aos Concellos á hora de acometer obras en zonas contiguas ás estradas provinciais como poden ser acometidas de auga potable”.
Esta situación pode supoñer, incluso, que as entidades locais teñan que, en ocasións, decidir non executar actuacións de interese para os veciños e veciñas “polo sobrecuste que supón esta taxa, chegando incluso a case superar o pago desta taxa o custe da propia intervención”.
A realidade é que “un número importante dos expedientes tramitados pola Deputación de Lugo no marco destas ordenanzas fiscais corresponden a liquidacións practicadas a Concellos, con elevados importes, por unha utilización, obra ou aproveitamento necesario para promover actividades e prestar os servizos públicos que contribúen a satisfacer as necesidades dos veciños e veciñas”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular xa propuxeran no pleno ordinario de decembro de 2015 modificar ambas ordenanzas fiscais reguladoras vixentes: a da taxa por autorizacións de obras e outros aproveitamentos situados en zonas contiguas ás estradas provinciais da Excma. Deputación Provincial de Lugo modificada por última vez en 1994 e a da taxa pola autorización privativa ou o aproveitamento especial dos bens de dominio público provincial da Excma. Deputación Provincial de Lugo modificada por última vez no ano 1998.