Será Por Flores, de Uxía, elixida polo público comoMellor Música do Ano 2025 na Galicia

Despois dun mes de votacións e máis de 5.000 participacións do público xeral, a gala aRi[t]mar da música e a poesía galego-portuguesas xa ten as súas cancións elixidas como Mellor Música do 2025 na Galiza e Melhor Música de 2025 em Portugal. Neste caso, os usuarios acordaron que Será por flores, de Uxía, foi a Mellor Música do 2025 na Galiza. Pola parte lusa, MENINA, de MAR en colaboración con Carolina Deslandes, foi elixida como Melhor Música de 2025 em Portugal.

Descubre más noticias musicales como ésta

Será por flores é proba da sensibilidade dunha Uxía a cuxas costas atopamos unha extensísima carreira que non a impide mostrarse incansábel. O público de aRi[t]mar elixiu como mellor música do ano na Galiza un tema no que a mosense exhibe a súa face máis achegada á canción de autor e á poesía, desenvolvendo a meirande parte do sinxelo con guitarras e unha voz limpa. O ton de Uxía, tan característico e cheo de matices, enche unha canción que mesmo ten certo aire crepuscular. Xa é unha das grandes cancións dunha das grandes voces da música galega contemporánea.

Pola banda da música portuguesa, MENINA é o sinxelo máis exitoso e destacado do primeiro traballo de longa duración da algarvía MAR, que editou a canción en colaboración con Carolina Deslandes. Trátase dunha música que aúna unha base electrónica con aires a R&B contemporáneo coas voces de MAR e Carolina Deslandes, nun tono máis cercano ó hip-hop. A canción fala, a través dunha historia en primeira persoa atravesada pola violencia machista e vicaria, da necesidade de amar e ensinar a amarse e defenderse.

As cancións que acadaron o podio na Galiza, en segundo e terceiro lugar, foron Todos contra min, dos Ulex, e Perdín a memoria, de MJ Pérez. No ámbito do territorio luso, a segunda e terceira clasificadas foron Brinde (16h00), de Carolina Deslandes, e Respirar, de Calema en colaboración con Sara Correia.
Ámbalas dúas gañadoras, Uxía e MAR, recollerán o seu premio na gala aRi[t]mar 2026, que será celebrada este outono en Santiago de Compostela.

Uxía é unha das voces máis recoñecibles e indelebles da música galega contemporánea. Natural de Santa María de Sanguiñeda, no pontevedrés concello de Mos, a súa carreira abarca xa catro décadas como intérpete e compositora. En Uxía conviviron, conviven e han convivir sempre a música galega de raíz, a
canción de autor e, sobre todo, unha sensibilidade aberta ás músicas do mundo e, especialmente, ás manifestacións culturais e artísticas da lusofonía. En virtude deste caracter aberto e integrador, destaca tamén no ámbito da colaboración e do impulso de iniciativas culturais de diversa índole.

MAR é unha das voces emerxentes máis especiais da nova música portuguesa. Nacida en Monte Gordo, no Algarve, a súa proposta móvese entre o pop, o hip-hop e a música electrónica, sempre envoltos en certa tendencia á experimentación e a exploración sonora. Cantante, compositora e produtora, MAR desenvolve un proxecto no que a música convive cunha forte dimensión estética e visual. MENINA, editada en colaboración coa estrela lusa Carolina Deslandes, é un dos singles do seu primeiro disco de longa duración.

Comparte éste artículo
No hay comentarios