O Montañeros fecha a penúltima porta da permanencia ao Barbadás

O Montañeros, que se adiantou no primeiro tempo cun gol de penalti de Juan de Dora e outro de Balsa, mantén as súas esperanzas de meterse na fase de ascenso, ao tempo que axudou a escurecer máis o futuro do Barbadás na categoría. Os da Valenzá, que fixeron un bo partido, con opción a un mellor resultado, recortaron por medio de Presas ao comezo do segundo tempo. Os da Valenzá só sumaron un punto dos últimos 24 en xogo.

Un Montañeros dubitativo en defensa resolve en ataque

Non se complicou o Montañeros nun comezo de partido dominador. Unha correcta presión, forzando recuperacións sinxelas sobre as saídas combinadas de Borja, abondáballes para mandar no campo do Barbadás.
Aos seis minutos, no primeiro córner, Balsa, anticipándose a Nespereira, cabeceou a rentes da traba a primeira ocasión local (foto). Pouco despois foi Cano, desde a frontal, quen probou a Borja cun disparo centrado que chapou o meta.
En calquera caso, a mellor ocasión do primeiro cuarto de hora foi para o equipo da Valenzá. Iker recibiu perto da área e atopou espazo para chegar até a liña de fondo. Alí colocou un centro ao segundo pau que non rematou mellor polo mal control de Bena, impedido para a finalización.
A posición adiantada de Achore comezou a complicar a orde defensiva visitante. Un control con drible perto do bico da área, xa dentro dela, deixouno sobre a herba pola carga antirregulamentaria de Poch. Juan de Dora, sen enganar a Borja, transformou o penalti no minuto 17.
Achore seguiría dando alternativas ao ataque local, como no minuto 19, cunha cesión curta a Juan de Dora, que o ex do Betanzos mandou lixeiramente alta. A continuación, Lian debeu deixar o xogo por unha lesión.

O Barbadás, malia que dominado, tivo dúas opcións consecutivas para empatar. Ambas estiveron nas xuteiras de Isma Martínez. Primeiro, cun lanzamento en condución que pasou perto do pau e, catro minutos despois, no 28, roubando un mal pase de Álex Suárez. Moreno rexeitou o man a man e, no segundo golpeo, o mediapunta forasteiro mandou a pelota fóra.
O Montañeros arrimouse máis á vitoria no minuto 34. Cano mandou un disparo á trabe desde dentro da área e Balsa, quen primeiro recolleu o rebote, acomodou axiña o coiro e bateu a Borja por alto.
O primeiro acto baixou o pano sen outras incidencias importantes.

O Barbadás sorprende ao comezo e crea incertezas ao Montañeros

O Montañeros repetiu a mala entrada no segundo tempo do partido anterior contra o Viveiro. Monchín Salgado, que incorporara a Presas por Poch e retrasara como central a Infamara Costa, fixo valer unha acción entre os dous que tiña no campo que non estiveran no once. Pablo Ruiz, a banda cambiada, gañou o lateral da área, centrou á frontal e, sobre a marcha, Presas colocou un balón raso que non alcanzou Moreno no minuto 50.
Jairo Arias, cunha tripla substitución antes da hora, foi facendo máis recoñecible o seu equipo en canto a titulares habituais con homes como Iago e Dani.
Non influíu nesa fase do partido porque o Barbadás seguíu crecendo. No minuto 65, Moreno sacou cos pés un disparo próximo de Iker. O punta buscou o primeiro pau, onde aguantou o meta a posición.
A primeira substitución ligueira de Bena modificou a posición de Robert e de Isma Martínez, que pasou á esquerda. Foi el quen, desde ese bico da área, puido empatar cun xute cruzado que pasou pola fronte do arco. Monchín Salgado meteu máis poder ofensivo na súa derradeira modificación no xogo.
No tramos final, antes que Jairo Arias retirara a Balsa, o seu home máis substituído, puido sentenciar Dani, que rompeu ao espazo para facerse co pase de Álex Delgado. Non precisou o xute ao cruzalo cun ángulo lixeiramente aberto.
No minuto 86, Iker tampouco atinou para o empate. Xutou por riba do marco nun balón recollido dentro da área sen poder afirmar ben o corpo. Tampouco o logrou Carlos Villar cun lanzamento afastado. Un defensa rozou o suficiente para que o coiro voara a medio metro da barra.
O partido abriuse e, no prolongamento, Borja rouboulle a sentencia a Juan de Dora, que se recreou máis da conta no drible. Na seguinte, lanzando a cinco metros da frontal, Diego estrelou o esférico no poste esquerdo da meta visitante,

Ficha

XOVES 02/04/2026 (12,00) Campo: JUAN ACUÑA NAYA (100)
AT. CORUÑA MONTAÑEROS C.F. : 2 – U.D. BARBADÁS : 1 (2‑0)

COR : Moreno; Achore, Samu, Longueira, Ogando (Iago 57’); Jorge Otero (Álex Delgado 67’), Balsa (Miguel Real 82’), Álex Suárez (Dani 57’), Carreira, Cano (Diego 57’); Juan de Dora. Tre. Jairo Arias. (Banco: Guillermo (g); Óscar Fernández; Pablo Fernández).
BRB : Borja; Bena (Soriano 71’), Pablo Corzo, Poch (Presas D), Nespereira; Lian (Pablo Ruiz 20’), Infamara Costa, Isma Martínez, Marcelo Faria, Robert (Carlos Villar 78’); Iker. Tre. Monchín Salgado. (Banco: Tapias (g); Brainsky; Cougil; Nico Araujo; Xurxo).
Goles: 1-0 Juan de Dora 18’(p); 2-0 Balsa 34’; 2-1 Presas 50’.
Árbitro: García Veiras (Galiza-Santiago). Auxiliares: Méndez López e Antelo Romero.
Disciplina: CA: Álex Delgado 78’.
NOTAS: O partido, programado por calendario para o 02/03/2026, foi adiado e desprazado no contexto da xornada pola participación da selección galega afeccionada na fase final española da Copa das Rexións U.E.F.A.
O comezo atrasouse doce minutos, até as 12,12, á espera da conformación do árbitro por se lle permitían aos visitantes coa segunda equipación, de cor negro, para non confundir coa morada dos locais,

Foto: Balsa imponse por arriba cunha cabezada que roza o gol. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios