Pablo Prieto, notario da irrealidade

O pasado domingo asistimos a un deses esperpentos que nos poñen a cara vermella, de vergoña e irritación, aos que dedicamos tempo á investigación rigorosa da historia do fútbol galego. En distintos medios de comunicación anunciaban a celebración dos centenarios de dous clubs da provincia de Pontevedra, o Céltiga e o Tyde.

Un roubo é a apropiación de algo que lle pertence a outro e o que sucedeu nesas celebracións foi exactamente iso. Aconteceu nun universo selvático, o do fútbol, cuxa historia está deixada da man da ciencia e funciona a golpe de memoria oral, ausente de documentos e chea de lembranzas esvaídas, con episodios mal datados e algunhas fantasías.

Grupos de amigos, sociedades non constituídas

O que fixeron os dirixentes do Céltiga e do Tyde foi unha trasnada. Teño falado por razóns xornalísticas con algúns responsables da xunta directiva do cadro da Illa e cónstame que chamarlles ladróns é inapropiado e inxusto e por iso prefiro falar dunha trasnada oportunista.

Supoño que no contexto humilde no que vive o Tyde acontece o mesmo, coa agravante para eles de teren un libro sobre a historia do fútbol na vila, que lles debería servir de fundamento para non se atribuíren dereitos sobre o tempo que non lles corresponden. Podemos acudir a Suso Vila, autor de “100 años de fútbol tudense”, que na páxina 101 nos di: “Es probable que el nacimiento del Arenas, nacido en San Bartolomé, se hubiera producido por la desaparición del Racing Sporting Club, hecho recalcado por la aparición de un primer Tyde F.C. en esos mismos años. La posterior fusión del Arenas y el Tyde reforzarían el papel futbolístico tudense, destacándose el nuevo Arenas como un equipo competitivo que se mantuvo en 1ª categoría regional hasta el año 1936, en que la guerra civil absorbería toda alegría balompédica desapareciendo el Arenas por tan dramáticas circunstancias”.

O do “primeiro” Tyde acontece tamén cun primeiro Céltiga. De feito, cónstanos a existencia do seu primeiro partido contra un equipo federado o 03/04/1927, no que goleou por 5-0 ao Villagarcía F.C. no insular campo de Bella Vista.

Estes grupos de amigos, constituídos no seu día ao seu xeito, sen a responsabilidade de se inscribiren nun Rexistro Civil oficial, non poden considerarse como a orixe nacemento das sociedades actuais dentro dun contexto rigorosamente legal e, como moito, movementos protohistóricos das mesmas. De feito, cando menos até o comezo da Guerra Civil, non consta no Rexistro Civil de Pontevedra a constitución de clubs con estas denominacións e neses lugares. Tendo isto en conta, Tyde e Céltiga só poderían ter autenticidade documental a partir de 1939.

En relación ao Tyde podemos constatar até a existencia de tres equipos diferentes con ese nome en Tui. O citado de 1926, de escasa vida ao fusionarse co Arenas e, polo tanto, desaparecido nese trámite, o de 1954, aparecido ao abeiro da reinauguración do campo do Chau-Chau, que xogou os campionatos comarcais organizados pola delegación viguesa da FGF, e un terceiro, o actual, que solicitou o ingreso na referida FGF en 1965, pois para que isto puidera ser tería que estar dado de alta no Rexistro Civil e, obrigatoriamente, a expedición dunha acta fundacional.

En canto ao Céltiga acontece algo semellante. O club non se constitúe legalmente até 1970 e todo o anterior son recuperacións dunha memoria real, pero non oficial, con aparicións e desaparicións reiteradas e sen directivas constituídas como esixía a normativa do momento.

As falsas fundacións de Compostela e Rápido de Bouzas

Recentemente temos exemplos en Galiza de falsas datas de fundación. En Santiago, o compostelanismo quere darlle ao Campus Stellae, fundado por José María Caneda no 2006, o carácter de prolongación lexítima da extinta S.D. Compostela. O Compostela de 1962 morreu tras un concurso de acredores no que se chegou a vender até o propio nome do club, comprado por un antigo presidente do actual para poder utilizalo neste.

Mal intencionada, porque o fixeron coñecendo a realidade, foi a celebración do centenario do Rápido de Bouzas. O presidente máis notable da entidade aurinegra foi Baltasar Pujales. Non é gratuíto que o campo de Bouzas leve o seu nome pois méritos fixo o enxeñeiro vigués en case catro décadas como presidente. Era moi difícil ter un sucesor á súa altura e Manolo Seoane non a tivo. Malia levar ao club á Segunda B, os vigueses entraron pouco despois nunha crise que os rebaixou á sétima categoría e sen que houbera xente que quixera asumir a dirección dunha entidade tecnicamente quebrada.

Na época de Pujales todo o mundo tiña claro que o club nacera en 1917. Incluso, os banderíns do club levaban a lenda “fundado en 1917”, pero chegou Seoane querendo ser orixinal e perseguindo un espazo no que distinguir ao club por riba dos documentos.

Rebotado anos antes da Coruña e chegado da vela, inventou un centenario tres anos antes apelando a que o club nacera no seo do Mercantil de Bouzas en 1914. O RFEF participou da parodia, Vicente del Bosque foi dar unha charla dentro dos actos do falso centenario e Abel Caballero declarou ao club como “vigués do ano”.

Os rexistros documentais falan que o C. Rápido F. foi fundado o 12/08/1917, segundo o libro 9.152 na “Caja Legajo del Registro de Asociaciones de la Provincia de Pontevedra”, aparecendo co número de orde 322.

Deportivo, un decano que non se gaba diso, pero que se aumenta un ano

É divertido chegar ao campo de Riazor e ver que no deseño das cadeiras dunha das bancadas aparece escrito 1906. O número fai referencia ao que din ser o ano de fundación do actual decano do fútbol galego. Curiosamente, algo tan resoante como ese cualificativo nunca foi utilizado polo deportivismo, cando estaría lexitimado para facelo, agás que a reunificación entre eles e o Deportivo Auténtico, en 1918, significara que o actual club é dese ano por tratarse dunha fusión entre dúas entidades diferentes, máis que dunha integración dos díscolos retornando á casa.

En calquera caso, e seguindo a Pedro de Llano e Eladio Muíños no seu libro “82 años de historia. Real Club Deportivo de La Coruña” revelan que logo de dous partidos entre futbolistas do Corunna e atletas da Sala Calvet, Federico Calvet decidiu constituír formalmente un equipo o 09/01/1907, que logo se uniría ao C. Náutico. Despois, o 11/03/1907, a autoridade gubernativa aprobou o regulamento do novo club (pp. 21-22).

O ridículo comportamento da Real Federación Galega de Fútbol

Podemos estar todos de acordo en que non é correcto faltar á verdade histórica que vén marcada polos documentos; pero tanto, ou máis grave é validar feitos históricos por parte da máxima institución futbolística galega sen esixir o rigor probatorio para entregar diplomas acreditativos sobre algo que non coñece, nin se preocupa por coñecer.

Neste sentido hai dous claros responsables segundo o cargo que ocupan, o secretario, neste caso, Diego Batalla Bautista, que non ten un rexistro da documentación para verificar o que lle contan, e o presidente, Pablo Prieto Perille, por ser o cargo principal, asinar calquera diploma con valor dunha verdade que acaba por ser falsa, e por ser quen pon a cara nas fotos destes eventos carentes de rigor.

O pasado domingo resultou indixerible ver as fotos de Prieto entregando aos presidentes do Céltiga e do Tyde certificados acreditativos do centenario destas entidades, que a efectos da RFGF o ente futbolístico só podería documentalos en 1970 e 1965, nomeadamente.

Neste momento, sen un protocolo de validación esixida aos clubs e coa posible descomposición da documentación das sete delegacións do fútbol galego nun baixo do campo federativo de Coia por decisión de Louzán, a RFGF non ten autoridade para exercer de notario dunha historia fronte a que vive de costas desde a marcha de Ramón de Llano, o humanístico, pero tamén nepótico don Ramón, hai máis de tres décadas.

Foto: Pablo Prieto, observado por Louzán, entrega o diploma ao Céltiga no falso centenario do club. © RFGF

Comparte éste artículo
1 comentario