A Deputación da Coruña publica hoxe no BOP a concesión definitiva da liña de subvencións destinada a apoiar investimentos das agrupacións de voluntariado de Protección Civil da provincia, cun investimento total de 114.961,65 euros.
A resolución da Presidencia beneficia a 16 agrupacións e asociacións da provincia, que poderán mellorar os seus medios materiais e operativos para facer fronte ás situacións de emerxencia.
O programa está orientado á adquisición de equipamento, maquinaria, ferramentas de rescate, sistemas de comunicación ou mesmo dotación de novos vehículos, reforzando así a capacidade de resposta dun servizo esencial para a seguridade da cidadanía.
Estas axudas enmárcanse na aposta da Deputación por apoiar o voluntariado de Protección Civil, especialmente nos concellos de menor tamaño, onde desempeñan un papel clave na prevención, intervención en emerxencias e apoio á veciñanza.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que “as agrupacións de voluntarios de Protección Civil realizan un traballo fundamental para garantir a seguridade das persoas en toda a provincia”. Formoso subliñou que “con estas axudas contribuímos a que conten con mellores medios para desenvolver o seu labor, reforzando a capacidade de resposta ante calquera emerxencia e recoñecendo tamén o compromiso do voluntariado, que é un dos grandes activos dos nosos concellos”.
RELACIÓN DE AXUDAS APROBADAS
| Beneficiario | Importe (€) |
| AVPC Abegondo | 4.129,49 |
| AVPC Arteixo | 9.359,29 |
| AVPC Betanzos | 3.981,87 |
| AVPC Carnota | 4.045,48 |
| AVPC Curtis | 9.880,00 |
| AVPC Dumbría | 7.165,43 |
| AVPC Muxía | 11.400,00 |
| AVPC Trazo | 3.970,62 |
| AVPC Vilasantar | 3.513,92 |
| AVPC Oroso | 9.880,00 |
| AVPC Mazaricos | 3.952,00 |
| AVPC Xallas | 11.400,00 |
| AVPC Boiro | 6.653,04 |
| AVPC Negreira | 6.670,51 |
| Asociación de Agrupacións de Protección Civil | 9.480,00 |
| Asociación Provincial de Agrupacións de Protección Civil da Coruña | 9.480,00 |
TOTAL: 114.961,65 €