Pablo Terroba, o enxeñeiro químico galego que traballou na Fórmula 1 e en MotoGP, imparte unha conferencia no Campus Industrial de Ferrol

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, o xoves 16 de abril, ás 17:00 horas, a conferencia “O camiño dun enxeñeiro. Desde a universidade ata a Fórmula 1”, impartida polo Asesor de Rendemento de Produtos en ExxonMobil, Pablo Terroba, e impulsada polo coordinador do máster en Informática Industrial e Robótica, o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Álvaro Michelena.

Ao longo da súa intervención, Pablo Terroba afondará na tecnoloxía e a enxeñaría que rodea os coches de Fórmula 1 e falará sobre o traballo que realiza un enxeñeiro químico no mundo do deporte de motor de competición, así como do impacto que ten a ciencia e a química no rendemento e na fiabilidade dos coches. Tal e como el mesmo di, contará “a historia dun mozo normal, da Mariña de Lugo, que a base de paixón, traballo e esforzo chega a cumprir o seu soño, a nivel profesional e persoal”.

Pablo Terroba (Viveiro, 1993) é graduado en Enxeñaría Química pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e cursou un máster en Sustentabilidade de Biotecnoloxías na Università di Bologna, en Italia. O seu traballo na empresa ExxonMobil permitiulle colaborar con equipos de alto redemento no eido do motorsport tanto na Fórmula 1 como en MotoGP. Na actualidade, dedícase ao desenvolvemento de motores e produtos do futuro con marcas como BMW, Lamborgini ou Porsche. Ten traballado en varios países europeos e combina unha ampla experiencia industrial con formación internacional na área da enxeñaría de procesos e nas tecnoloxías enerxéticas.

A conferencia está dirixida a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado. A inscrición, totalmente gratuíta, deberá formalizarse enviado un correo electrónico a alvaro.michelena@udc.es ou ben chamando ao 881 01 3142 antes das 20:00 horas do mércores 15 de abril.

Inscrición – Conferencia “O camiño dun enxeñeiro. Desde a universidade ata a Fórmula 1”, Pablo Terroba, 16 de abril, Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol

Foto: o enxeñeiro químico Pablo Terroba imparte, este xoves 16 de abril, ás 17:00 horas, unha conferencia no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios