A vicevoceira do Grupo Socialista, Lara Méndez, cuestionou hoxe o balance presentado polo PP de cara ao Debate do Estado da Autonomía e advertiu de que o suposto cumprimento do 85% das 53 propostas aprobadas no anterior debate “non responde á realidade”: segundo detallou, ata un 32% das medidas que o Goberno galego dá por cumpridas limitáronse a peticións ou cartas dirixidas ao Executivo central.
Segundo explicou, a revisión das medidas incluídas como cumpridas evidencia que unha parte significativa non pasa de ser actuacións formais, anuncios ou peticións dirixidas ao Goberno central: “Non se pode presentar como execución o feito de enviar unha carta ou reiterar unha demanda. Iso non resolve problemas nin cambia a vida da xente”, sinalou.
Méndez advertiu de que este criterio “desvirtúa o balance” e permite ao Goberno galego “construír unha imaxe de cumprimento que non se corresponde cos resultados”. Ao seu xuízo, o contraste faise especialmente evidente nas competencias propias da Xunta, onde “non hai marxe para derivar responsabilidades”.
Sanidade
En sanidade, lembrou que o propio Executivo autonómico recoñeceu o incremento das listas de espera e que os documentos internos do Sergas apuntan a que a demora cirúrxica non experimentará melloras no curto prazo. “Cando os propios datos oficiais anticipan que non hai avances, é difícil soster un relato de cumprimento”, indicou. A isto engadiu situacións como a paralización durante máis dun ano do servizo de reprodución asistida ou a insuficiencia de recursos en saúde mental, ámbitos nos que, segundo afirmou, “non hai unha resposta á altura do problema xa que no segundo caso falamos de 21 prazas de psicólogo para unha poboación de 2,7 millóns de persoas”.
Vivenda
En vivenda, Méndez puxo o acento nun escenario que definiu como “cada vez máis tensionado”, cun incremento significativo dos prezos e cunha demanda pública que se achega ás 31.000 persoas inscritas. “Cada mes incorpóranse centos de familias máis a ese rexistro, o que evidencia que estamos ante un problema estrutural, non conxuntural”, advertiu.
Fronte a esta realidade, considerou que as políticas da Xunta “non están a ter capacidade de resposta suficiente”, tanto polo seu alcance limitado como pola falta de medidas de carácter estrutural. “Non se pode falar de cumprimento cando o problema segue medrando e as solucións non están chegando á escala necesaria”, afirmou.
AP-9
A vicevoceira socialista referiuse tamén á AP-9 para cuestionar o relato do PP. Lembrou que a situación actual da autoestrada vén marcada por decisións adoptadas polos propios gobernos populares, tanto a prórroga da concesión como o bloqueo do seu traspaso, e criticou que agora se presente como unha reivindicación o que nunca fixeron: “Hai unha contradición evidente entre o papel que tivo o PP na orixe do problema e o discurso que mantén na actualidade”, sinalou.
Neste contexto, puxo en valor as bonificacións aplicadas nos últimos anos, que cualificou como “medidas concretas e verificables”, fronte a outras actuacións que, segundo indicou, “non pasan do titular”.
Servizo de Axuda no Fogar
No ámbito local, Méndez advertiu de que a situación do Servizo de Axuda no Fogar reflicte “un modelo tensionado durante anos por un financiamento insuficiente”. Ao seu xuízo, o acordo de mínimos anunciado pola Xunta non responde a unha planificación estrutural, senón a unha necesidade inmediata dos concellos de evitar o colapso do sistema. “É unha resposta que chega condicionada pola presión acumulada dos concellos, non unha solución de fondo”, afirmou.
A isto suma o incumprimento da lei de Administración local, a única das propostas aprobadas no anterior debate que contaba cun prazo concreto de execución: “É o único compromiso que se podía medir de forma obxectiva e non foi cumprido”, subliñou.
Altri
En relación co modelo industrial, Méndez foi contundente co caso de Altri, ao que definiu como “o mellor retrato do que está pasando co balance do PP”. Lembrou que a Xunta presentou este proxecto como o eixo do seu modelo industrial e o vendeu como unha iniciativa sostible, cando en realidade se trataba dunha macrocelulosa con fortes dúbidas ambientais, sociais e económicas. “Tivo que ser o Goberno de España o que puxera freo a esta operación ao non concederlle as axudas públicas, precisamente porque non cumpría cos criterios de sustentabilidade”, sinalou.
“E a pesar de todo, o PP inclúe ese suposto impulso industrial como cumprido. Un proxecto que non saiu adiante porque non era viable convértese, no seu balance, nun éxito. Iso xa non é só maquillar a realidade, é directamente retorcela”.
Para a socialista, o documento presentado pola Xunta non resiste o foco porque “constrúe unha porcentaxe artificial a base de rebaixar ao mínimo o que significa cumprir”. “Non cumpriron o 85%. Nin sequera están preto. O que fixeron foi fabricar un balance para tapar que Galicia segue cos mesmos problemas de sempre, agravados tras 17 anos de goberno do PP”, afirmou.
“E o máis grave non é só que non cumpran. É que non o recoñecen, mienten e confunden deliberadamente. Presentan como feitos o que non existe e intentan facer pasar por realidade un relato que se desmonta en canto se contrasta cos datos. Iso xa non é propaganda: é faltar á verdade para tapar a súa incapacidade de gobernar”.
Recordo a Dora Carrera
Méndez iniciou a súa intervención cun recordo a Dora Carrera: “Antes de comezar, quero trasladar, en nome do PSdeG, o noso fondo pesar polo seu falecemento, unha das fundadoras de Érguete e unha figura imprescindible na loita contra o narcotráfico en Galicia”.
“Nun tempo no que responsables políticos do Partido Popular compartían espazos con narcotraficantes, mulleres como Dora fixeron xusto o contrario: deron un paso adiante cando máis difícil era facelo. Sen medios, sen protección e con todo en contra, puxeron o corpo e a voz para defender ás súas familias e ao conxunto da sociedade galega”.
“Aquel movemento de nais non só lle plantou cara ao narcotráfico, senón que foi quen de romper o silencio, de incomodar a quen miraba para outro lado e de cambiar para sempre a historia deste país”, destacou a deputada.