Néstor Rego reclama facer cumprir a Lei de Costas, eliminando calquera limitación ilegal e permitindo o libre paso da cidadanía ao Castelo.
O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para demandar o compromiso do Goberno do Estado en relación á conservación e posta en valor do Castelo de Corbeiroa –declarado Ben de Interese Cultural en 1949-, así como das actuacións urxentes para garantir o acceso público a este complexo de ruínas situadas en pleno dominio público marítimo-terrestre entre os termos municipais de Bergondo e Sada.
Os terreos que rodean as ruínas do Castelo son propiedade do Albergue Xuvenil de Gandarío, dependente da Xunta de Galiza, o que está a impedir o acceso libre á zona, vulnerando completamente a normativa de patrimonio cultural galego –que obriga a facer visitas públicas- como a lexislación estatal en materia de costas.
Ante esta situación, Néstor Rego reclama ao Goberno do Estado “actuar con dilixencia para facer cumprir a Lei e garantir o dereito da cidadanía ao uso e desfrute do dominio público marítimo-terrestre”. En opinión do deputado nacionalista, non se pode permitir que se limite o acceso a un ben patrimonial situado nun espazo que, por lei, debe ser de uso libre, público e gratuíto.
“É especialmente grave que non se respecte a servidume de tránsito que debe asegurar unha franxa libre para a circulación peonil ao longo da costa. É unha obriga legal manter esa zona e corresponde ao Goberno do Estado velar polo seu cumprimento porque, se non fixer, estará sendo cómplice” afirma Rego, que demanda pór fin a calquera restrición inxustificada.
Así mesmo, Néstor Rego alerta do preocupante estado de conservación do Castelo de Corbeiroa porque, aínda que recentemente se realizaron traballos de limpeza e acondicionamento do acceso, a organización nacionalista sinala que foron insuficientes. “Falamos dunha estrutura con risco real de derrubamento dalgúns dos muros polo que resulta imprescindíbel unha intervención integral e urxente para evitar a perda definitiva deste patrimonio tan valioso” asevera o deputado nacionalista.
“Non pode haber un abandono do patrimonio por parte da Administración do Estado e menos que esta permita que se estea vulnerando a lei e non garantindo o acceso público. O Goberno do Estado debe implicarse activamente e comprometerse tanto na defensa do acceso como na conservación do ben histórico” sentenza Rego.