Luis Menor pon ó programa ExportOU como exemplo de “éxito de cooperación” entre a Deputación de Ourense e a CEO

PRESENTACIÓN PLAN EXPORTOU 2026O presidente provincial, Luis Menor, participa na presentación do Plan ExportOU 2026, unha iniciativa estratéxica que evoluciona cara a un ecosistema intelixente orientado a impulsar a internacionalización, a dixitalización e a sustentabilidade das empresas da provincia. Tamén participan Anibal Blanco Vila e Manuel Blanco Vila (Propietarios de Anibal Metalmecánica Gallega, SL), Marta Novoa Iglesias (Alcaldesa de San Cibrao das Viñas), David Martínez Alonso (Presidente da CEO) e José Antonio Rodríguez Araujo (Presidente da Asoción de Empresarios do Polígono San Cibrao das Viñas) entre outras autoridades. Nas instalacións Anibal Metalmecánica Gallega, S.L (Rúa 1, Ricardo Martín Esperanza Nº 25, Polígono de San Cibrao das Viñas).

Pola súa parte, o presidente da CEO, David Martínez, explicou que ExportOU 2026 reforza o seu papel para estar “ao carón das empresas, anticiparse aos desafíos e ofrecer solucións concretas que permitan minimizar riscos e aproveitar oportunidades nun entorno global inestable”.

A Deputación de Ourense e a Confederación Empresarial de Ourense veñen de presentar o Plan ExportOU 2026, unha iniciativa que pretende orientar ao tecido empresarial na internacionalización, a dixitalización e a sustentabilidade das empresas ourensás.  

A presentación, que tivo lugar nas instalacións da empresa Aníbal Metalmecánica Gallega S.L., correu a cargo do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa; o presidente da CEO, David Martínez; e o representante da empresa anfitrioa, Anibal Blanco.

Na súa intervención, Luis Menor puxo ao programa ExportOU como exemplo de “éxito de cooperación” entre a CEO a Deputación de Ourense, logo de poñer en marcha no 2017 este proxecto para apoiar e asesorar ao tecido empresarial ourensán.

Mostra do éxito que atesoura esta iniciativa é que no ano pasado, logrouse prestar, a través deste programa, case 300 servizos, apoiar a preto de 200 empresas e desenvolver 25 accións, “un impacto máis ca positivo que vén a reforzar o que xa sabemos: apoiar a aqueles que cren e crean no territorio é apostar polo futuro da provincia”, dixo Menor.

Así mesmo, o presidente da Deputación aproveitou a ocasión para reclamar a execución das infraestruturas na área empresarial de Ourense “imprescindible para o crecemento industrial da provincia” como son a execución da ampliación do Polígono de San Cibrao, as obras da nova depuradora “tan importante para estas zona industriais”, que se comprometa a estación de mercadorías, que se amplíe o Polígono do Pereiro e se poña en marcha o de Paderne de Allariz.

ExportOU 2026: un novo ciclo

O ExportOU 2026 inicia unha nova andaina co obxectivo de levar os recursos directamente ás empresas e ás comarcas reforzando así algo que desde a Deputación “temos moi presente nas nosas políticas de goberno: a cohesión territorial e a competitividade provincial”.

Neste sentido, o presidente da CEO, David Martínez, explicou que ExportOU 2026 reforza o seu papel para estar “ao carón das empresas, anticiparse aos desafíos e ofrecer solucións concretas que permitan minimizar riscos e aproveitar oportunidades nun entorno global inestable”.

O presidente provincial desexou que este novo ciclo do ExportOU, logo de nove anos de traxectoria exitosa, volva a ser unha “ferramenta útil, sostible e dixital para os nosos emprendedores”, ratificando a colaboración da Deputación nesta liña de traballo para “contribuír a crear un tecido económico provincial máis resiliente, innovador e preparado para os desafíos do futuro”.

A  alcaldesa de San Cibrao das Viñas felicitou á CEO e á Deputación por esta colaboración e agradeceu a elección para realizar esta presentación nunha empresa dun dos polígonos máis grandes e punteiros de Galicia.

Visita polas instalacións de Aníbal Metalmecánica Gallega

A presentación desta nova edición do ExportOU tivo lugar nunha das empresas ourensás que “representa o espírito deste proxecto”, dixo David Martínez, afirmando que Aníbal Metalmecánica Gallega é un “exemplo claro de como o tecido empresarial da nosa provincia é capaz de competir e posicionarse a nivel global”. 

Pola súa parte, Anibal Blanco destacou o papel clave das institucións como panca para a internacionalización e puxo en valor as vantaxes competitivas de Ourense, como son a dispoñibilidade de talento, a calidade de vida e a conectividade, defendendo que estes factores permiten atraer investimentos e competir con éxito nos mercados globais. O acto rematou cunha visita ás instalacións da mesma.

Comparte éste artículo
No hay comentarios