O Bloque Nacionalista Galego convocou esta mañá de xoves, ás 12.00 horas, unha concentración diante do centro de saúde de San Román (Cervantes) para denunciar o deterioro da atención sanitaria no concello e esixir á Xunta de Galiza que cubra de maneira permanente as prazas médicas e restitúa o servizo sanitario no consultorio de Doiras.
Durante a concentración, o portavoz do BNG en Cervantes, Bernardo Valdés, denunciou que a situación sanitaria no concello é “cada vez máis insostible para a veciñanza”, e puxo como exemplo o ocorrido esta mesma mañá.
“Hoxe mesmo a única médica que estaba no centro de saúde tivo que saír a facer unha visita a domicilio e o centro quedou completamente sen atención médica parte da mañán”, explicou Valdés, quen lembrou que os desprazamentos na montaña lucense son longos e complexos debido ás características do territorio e ás condicións das estradas.
O portavoz nacionalista sinalou que este tipo de situacións se repiten con frecuencia pola falta de persoal sanitario. “Cervantes é un concello cunha poboación moi envellecida e moi dispersa, e non se pode permitir que o único centro de saúde quede sen atención porque non hai profesionais suficientes”, afirmou.
Valdés advertiu tamén das dificultades que ten a veciñanza para acceder á asistencia sanitaria. “Moitas persoas viven en aldeas afastadas, non teñen transporte público e dependen do seu propio vehículo, da axuda de familiares ou mesmo de pagar un taxi para poder acudir ao médico”, indicou, sinalando que esta realidade deixa a moitas persoas maiores nunha situación de grande vulnerabilidade.
Desde o BNG consideran que esta situación é consecuencia directa das decisións políticas do Partido Popular. “O PP está abandonando a montaña lucense e negándose a garantir algo tan básico como o dereito á atención sanitaria”, denunciou Valdés.
A mobilización prodúcese despois de que o Partido Popular continúe sen garantir a cobertura das dúas prazas médicas do centro de saúde de San Román e manteña pechado o consultorio médico de Doiras.
“O que estamos a pedir é algo tan básico como que se cubran as dúas prazas médicas de maneira estable e que se restitúa o servizo sanitario no consultorio de Doiras. A veciñanza de Cervantes ten o mesmo dereito á sanidade pública que calquera outra persoa deste país”, concluíu Bernardo Valdés.