“Cos cambios de tráfico e mobilidade do señor Cajoto, as opcións moitas veces están moi limitadas e por aí agora na rúa dos Limoeiros circulan moitos vehículos e cruzan persoas por esa zona onde non hai un paso de cebra”, indica o portavoz popular.
O Partido Popular de Foz, a través do seu portavoz, Javier Castiñeira, vén de trasladar ao goberno local un rogo que considera “urxente” para mellorar a seguridade dos peóns no núcleo urbano da vila.
Castiñeira explica que esta petición responde á preocupación existente entre os veciños da zona, onde xa se teñen producido situacións de risco: “Temos un rogo que tamén entendemos que é urxente porque é en base á seguridade dos peóns no núcleo urbano de Foz. Sabemos da insistencia dos veciños da zona, sabemos que incluso estivo preto de haber algún tipo de atropelo”.
O portavoz popular sinala que a problemática se localiza no inicio da rúa dos Limoeiros, ao baixar pola rúa do Porto cara á dereita, un punto no que actualmente non existe paso de peóns: “Entendemos que é totalmente necesario un paso de peóns no inicio da rúa dos Limoeiros, segundo baixas pola rúa do Porto, á dereita”.
Segundo indica, os cambios de tráfico e mobilidade impulsados polo goberno local incrementaron o tránsito de vehículos nesta vía, o que agrava o risco para os viandantes: “Cos cambios de tráfico e mobilidade do señor Cajoto, as opcións moitas veces están moi limitadas e por aí agora na rúa dos Limoeiros circulan moitos vehículos e cruzan persoas por esa zona onde non hai un paso de cebra”.
Dende o PP critican a falta de actuación do alcalde a pesar das advertencias previas: “Sabemos que o señor alcalde foi avisado varias veces, pero parece que só actúa cando pasas as cousas”.
Finalmente, Castiñeira insiste en que esta demanda responde ao compromiso do seu grupo coa seguridade cidadá: “Nesa dinámica do Partido Popular de denunciar cousas que se entenden que son necesarias e importantes, e sobre todo mirando pola seguridade das persoas e dos veciños, pedimos ao señor Cajoto que canto antes poña un paso de cebra no inicio da rúa dos Limoeiros”.
Finalmente, o portavoz popular conclúe cunha mensaxe directa á concelleira: “Señora Couto, dedíquese máis ás contas e menos aos contos”.