O PSOE de Cervo destapa graves irregularidades en Servizos Sociais

O Grupo Municipal Socialista de Cervo denunciou no pleno deste xoves a existencia de «graves irregularidades» na xestión dos Servizos Sociais municipais. A voceira socialista, Mª Luján Ramos, baseou a súa acusación nunha acta de inspección da Xunta de Galicia que, segundo afirma, o Goberno do Partido Popular tenta manter fóra do foco público.

Un informe demoledor: descontrol e risco para os dependentes

O PSdeG puxo o foco na inspección realizada pola Xunta o pasado mes de outubro. Segundo Ramos, o documento describe un sistema sen control efectivo que pon en risco os dereitos das persoas dependentes. Entre as deficiencias detectadas destacan:

  • Xestión administrativa deficiente: Expedientes incompletos e falta de rexistro de incidencias.
  • Atención precaria: Usuarios que non reciben as horas de atención recoñecidas e listas de agarda que non se respectan.
  • Caos organizativo: Fallos na planificación do persoal e na cobertura de baixas.

«A inspección describe, en termos técnicos, un sistema que incumpre a normativa de servizos sociais. O PP debe explicar por que hai persoas sen rexistro administrativo ou por que non se lles prestan as horas de axuda que teñen recoñecidas por lei», sinalou a voceira.

O persoal como «parapeto»

Durante o debate plenario, Luján Ramos foi tallante ao defender o labor das profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF): «O problema nunca foi o persoal, senón a xestión política do PP. Acusamos ao Goberno local de utilizar ás traballadoras como un parapeto para ocultar a súa propia incompetencia».

Para os socialistas, a moción presentada polo PP sobre o financiamento da dependencia é unha «manobra de distracción deshonesta» que evita asumir responsabilidades propias e oculta o papel da Xunta de Galicia, administración con competencias directas na materia.

Anulación da oposición e desmantelamento do GES

O PSdeG tamén denunciou a «estratexia de rodete» do PP no Pleno, tras substituír integramente unha moción do BNG sobre o GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) por outra propia. «É unha maneira legal, pero inxusta e prepotente, de anular o traballo da oposición», lamentou Ramos, quen reiterou que o GES é un servizo esencial que «nunca se debeu desmantelar».

«A veciñanza de Cervo merece transparencia e solucións, non propaganda. Esiximos a publicación íntegra da acta de inspección da Xunta; se non teñen nada que ocultar, que sexan valentes e mostren a realidade dos nosos Servizos Sociais», concluíu a voceira socialista.

Comparte éste artículo
No hay comentarios