O programa do evento inclúe catro sesións de traballo centradas no lawfare internacional, nos conflitos internacionais e a competencia polos recursos, na regulación internacional dos espazos comús e na (des)gobernanza dos océanos
A Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle, este venres 17 de abril, a partires das 10:00 horas, a xornada “Ameazas á orde internacional. Claves xurídicas e xeopolíticas”, organizada polo Grupo de Investigación Constitucional, Internacional e Europea (InCIE) da Universidade da Coruña (UDC), baixo a dirección dos investigadores Jorge Quindimil e Marta Sobrido.
O programa do evento inclúe un total de catro sesións de traballo. Ás 10:30 horas dará comezo a primeira delas, titulada “Lawfare internacional: a utilización do dereito internacional como arma estratéxica”. Nela, intervirán a profesora da Universidad Europea Miguel de Cervantes (UEMC), Celia Martínez; o profesor da Universidad Pablo Olavide (UPO), Antonio Lazari; o profesor da Universidad CEU Fernando III e exasistente xurídico do Cuartel Xeral Supremo Forzas Aliadas OTAN, Borja Montes (en liña); o profesor da Universidad de Murcia (UMO), Carlos Gil, e o catedrático de Dereito Internacional da Lunds Universitet de Suecia, Ulf Birger Linderfalk. Exercerá de moderadora, a catedrática de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais, Montserrat Abad.
As 12:00 horas está programada a segunda sesión de traballo, “Conflitos territoriais e competencia polos recursos”, na que participarán o profesor da Universidad de Salamaca (USAL), Juan Manuel Bautista; o catedrático de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidad del País Vasco (UPV), Juan Soroeta; a profesora da Universidad Complutense de Madrid (UCM), Elena Conte (en liña); o profesor da Universidade da Coruña (UDC), Jorge Quindimil; e o investigador da Universidad Carlos III de Madrid (UC3M) no Proxecto PaxNatura, Felipe Romero. Moderará a mesa, o conselleiro e avogado ante a Corte Internacional de Xustiza e o Tribunal Internacional de Dereito do Mar, así como exxefe da Asesoría Xurídica Internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores, Carlos Jiménez.
A terceira sesión, titulada “A regulación internacional dos espazos comúns”, dará comezo ás 15:00 horas e, nela, intervirán o profesor asociado da Universidad de Alcalá (UAH) e fundador da plataforma Negocio Responsable, Alberto Jiménez; a profesora da Universidad de Valladolid (UVA) e asesora da delegación española ante a Autoridade Internacional de Fondos Mariños (AIFM), Esther Salamanca; a profesora da Universidade da Coruña (UDC) e asesora da delegación española ente a Reunión Consultiva do Tratado do Antártico (RCTA), Marta Sobrido, e a profesora da Universidad de Jaén (UJA) e asesora da delegación española ante a Comisión sobre a Utilización do Espazo Ultraterrestre con Fins Pacíficos (COPUOS) da ONU, Carmen Muñoz. Exercerá de moderadora, a profesora da Universidad Miguel Hernández (UMH) e coinvestigadora principal do Proxecto INVESP, Elena Crespo.
Ás 16:30 horas dará comezo a cuarta e ultima sesión “(Des)gobernanza dos océanos” na que participarán o profesor da Universidad de Sevilla (US) e co investigador principal do Proxecto PaxNatura, Joaquín Alcalde; o profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Carlos Teijo; o profesor da Universitat Jaume I (UJI), Alberto Arrufat, e o Capitán de Navío e xefe de Planeamento Político-Estratéxico do Departamento de Seguridade, dependente do Gabinete da Presidencia do Goberno, Antonio Notario. Moderará a mesa, o Catedrático de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidad Jaume I (UJI) e coinvestigador principal do Proxecto “Navegación, transporte e novas tecnoloxías”, Mariano Aznar.
A xornada “Ameazas á orde internacional. Claves xurídicas e xeopolíticas” organízase no marco de tres proxectos de investigación promovidos polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades – PaxNatura, liderado pola Universidad Carlos III de Madrid (UC3M), INVESP, pola Universidad Miguel Hernández (UMH), e LAWFINT, pola Universidad Pablo Olavide (UPO) – e dun cuarto proxecto impulsado pola Generalitat Valencia, “Navegación, transporte e novas tecnoloxías”, da man da Universitat de Jaume I (UJI).
Foto portada: Os profesores e investigadores da Universidade da Coruña (UDC) Jorge Quindimil e Marta Sobrido dirixen a xornada “Ameazas á orde internacional. Claves xurídicas e xeopolíticas” que terá lugar, este venres 17 de abril, a partires das 10:00 horas, na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol.