Lugo renovará o Camiño Primitivo ao seu paso pola Ponte

Rubén Arroxo: «Seguimos coa mellora do Camiño Primitivo, despois de renovar todo o percorrido na entrada a Lugo, continuamos a traballar nos últimos treitos da cidade»

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que na xornada de hoxe vén de aprobarse a renovación do trazado do Camiño Primitivo ao seu paso por San Lázaro da Ponte. Arroxo explicou que «despois de renovar a totalidade do Camiño na súa entrada a Lugo, seguimos a traballar no treito de saída cunha nova actuación que aumentará a seguridade viaria e permitirá ter un espazo peonil diferenciado que dará máis seguridade ás persoas que fan o camiño».

A zona na que se actuará comeza na intersección coa rúa Fermín Rivera e segue en sentido oeste ata cruzar mediante un paso inferior a estrada N-540. Posteriormente, segue en sentido suroeste, ata chegar á estrada Friol. No estado actual, esta estrada presenta un elevado estado de deterioro, polo que a Tenencia de Alcaldía executará unha solución integral no conxunto do percorrido.

Os traballos consistirán na limpeza de cunetas para restablecer e garantir a drenaxe, evitando os efectos da auga sobre a vía unha vez esté reparada. Reconstruirase todo o firme habilitando unha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, o que garantirá unha duración prolongada, agás no treito do paso inferior da N-540, onde o formigón actual está en bo estado, polo que non será necesario renovalo.

Renovarase por completo tanto a sinalización horizontal como a vertical, sinalizando os pasos de peóns e os distintos núcleos de poboación e, para garantir a seguridade das persoas que camiñan por esta vía, delimitarase unha nova senda peonil de 1,2 metros de ancho que separará a zona de tránsito dos vehículos coa dos peóns.

Esta actuación sairá a licitación cun orzamento máximo de 217.051,36€e un prazo de execución de tres meses.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a apertura do procedemento de contratación para a producción e dotación técnica do auditorio Fuxan os Ventos. O contrato consistirá na dotación de persoal e material técnico (que complementará ao material xa existente na instalación) para as distintas actividades, tanto as programadas polo Concello como as externas, que se celebren no Auditorio.

O contrato sairá a licitación por 200.000€ anuais, cunha duración dun ano prorrogable ata un total de cinco. Ademáis da oferta económica, o Concello valorará as melloras, tanto na dotación gratuíta de material e persoal por parte da empresa, como o plan de formación anual para o persoal da instalación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios