Santiago de Compostela conta desde cun novo movemento cidadán: Plataforma Compostela, Accesible, XA!, unha iniciativa creada co obxectivo de defender os dereitos das persoas con discapacidade, mobilidade reducida, maiores, familias con carriños de bebés e de toda a cidadanía que sofre a diario as dificultades dun concello que aínda presenta numerosas barreiras físicas e sociais.
A plataforma nace cunha idea clara: a accesibilidade non pode seguir sendo unha promesa pendente, senón unha prioridade real. Compostela debe avanzar cara un modelo de concello moderno, inclusivo, humano e preparado para todos, especialmente nun municipio de referencia internacional, patrimonio da humanidade e destino de miles de visitantes cada ano.
Entre os principais obxectivos de Plataforma Compostela, Accesible, XA! destacan:
- Eliminación de barreiras arquitectónicas en rúas, prazas e edificios públicos.
- Mellora da mobilidade e dos itinerarios accesibles no casco histórico e barrios.
- Máis prazas reservadas e control do seu uso.
- Transporte público adaptado e eficaz.
- Espazos culturais, festivos e deportivos accesibles.
- Visibilidade e participación real das persoas con discapacidade nas decisións municipais.
- Sensibilización social sobre a importancia da accesibilidade universal.
Desde a plataforma fan un chamamento á cidadanía, asociacións, colectivos e institucións para sumar esforzos e construír un Concello mellor para todos.
“A accesibilidade non beneficia só a uns poucos: beneficia a toda a sociedade.”
Plataforma Compostela, Accesible, XA! comezará nas próximas semanas unha serie de accións públicas, campañas informativas e encontros veciñais para trasladar propostas concretas e recoller demandas reais da cidadanía.