O documental Mulleres da Reconversión chega a Lugo nunha proxección comentada polo seu director

O proxecto recupera a memoria das mulleres da reconversión naval desde unha perspectiva social e feminista

O Centro Cultural O Vello Cárcere acollerá o vindeiro martes 21 de abril ás 20h a proxección da curtametraxe documental “Mulleres da Reconversión”, nunha sesión especial que contará coa presenza do seu director, Iago Varela, quen realizará a presentación e comentario posterior coa asistencia do público.

A peza chega a Lugo tras a súa estrea en Fene, onde acadou unha destacada resposta por parte do público e dos medios, iniciando agora o seu percorrido por diferentes puntos do territorio galego.

Impulsado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Fene, o documental propón unha ollada diferente sobre a reconversión naval de ASTANO dos anos oitenta, centrada nas experiencias das mulleres que viviron aquel proceso desde o ámbito familiar, social e comunitario.

A través de testemuños recollidos en diferentes parroquias de Fene, o documental constrúe unha memoria coral que conecta historia industrial, experiencia persoal e memoria colectiva, combinando entrevistas con escenas simbólicas.

“Este documental naceu da escoita. Había unha parte da historia da reconversión que non estaba contada, e que tiña que ver coa vida cotiá, cos coidados e co que pasaba nas casas mentres todo cambiaba ao redor”, explica o director, Iago Varela.

“Para min era importante que non fose só unha sucesión de entrevistas, senón construír un relato que conectase co emocional e co colectivo. Que todas as mulleres que viviron a reconversión e outras loitas obreiras da nosa historia recente puidesen recoñecerse nestas historias”, engade Varela.

A elección do Centro Cultural O Vello Cárcere como espazo de proxección reforza o carácter reflexivo da proposta, ofrecendo un contexto idóneo para compartir e dialogar arredor dunha memoria que durante moito tempo permaneceu nun segundo plano.

“Estas proxeccións comentadas permiten completar a experiencia do documental, compartir o proceso e seguir abrindo conversación arredor destas historias”, destaca Varela.

A proxección en Lugo forma parte do inicio da itinerancia do documental, que busca ampliar a súa difusión e achegar esta historia a novos públicos en diferentes puntos de Galicia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios