O PP celebra a rectificación do Goberno de España e a continuidade da base de Vixilancia Aduaneira de Muros xunto á nova de Cee

A deputada do Grupo Popular, Paula Mouzo Mas, amosa a súa satisfacción pola rectificación do Goberno de España ao decidir manter a base de Vixilancia Aduaneira de Muros, compatibilizándoa coa posta en marcha dunha nova base en Cee, unha decisión que responde a unha demanda que o propio PP liderou nas distintas institucións.

A popular lembra que desde o PPdeG sempre defenderon a necesidade de reforzar os medios de vixilancia na Costa da Morte, pero sen que iso supuxese en ningún caso a perda de capacidades noutros puntos estratéxicos da costa galega como Muros. “Nunca tivo sentido mellorar un servizo a costa de recortar outro; Galicia precisa máis medios, non menos”, sinalan.

Neste sentido, destaca que foi a presión exercida desde o ámbito político, social e sindical —coa implicación activa do Partido Popular— a que permitiu reverter a decisión inicial do Executivo central, que contemplaba o traslado da base de Muros a Cee.

Mouzo Mas subliña que levou esta reivindicación ás diferentes institucións, incluíndo iniciativas no Parlamento de Galicai e no Congreso dos Deputados, defendendo en todo momento unha solución que garantise tanto os dereitos do persoal como a eficacia operativa do servizo.

Para a popular, esta rectificación evidencia que “cando hai unidade, firmeza e compromiso na defensa dos intereses de Galicia, conséguense resultados”. Así mesmo, consideran que esta decisión supón un paso positivo para reforzar a seguridade marítima e a loita contra o narcotrafico na costa galega.

Finalmente, o Partido Popular insta ao Goberno de España a seguir nesta liña, apostando por reforzar os medios e recursos destinados á Vixilancia Aduaneira en Galicia, atendendo ás necesidades reais do territorio e desde o diálogo coas comunidades autónomas e os profesionais do sector.

Comparte éste artículo
No hay comentarios