O Celta despediuse de Europa ao volver a mostrarse inferior ao Freiburg. Os locais soñaban cun milagre que os alemáns abortaron antes do descanso cos goles de Matanović e Suzuki. O xaponés anotaría o terceiro no comezo da segunda metade e o Celta, que acababa de facer catro substitucións, pensou definitivamente nun final de liga mergullado nunha crise de xogo, que de non ser por Swedberg apañaría un 3-0 por terceiro partido consecutivo. En calquera caso, ninguén pode obviar o dato de os celestes teren recibido tres ou máis goles nos tres últimos partidos en Balaídos.
O Freiburg sentencia en media hora
O Celta tiña que meter presión desde o comezo e tardou catro minutos en quebrar a orde do Freiburg nunha condución de Fer López polo carril central. Ao madrileño faltoulle precisión e rapidez no pase final a Jutglà, que saíu doente da tentativa de remate que evitou Treu.
O cadro alemán parou o ritmo do xogo tres veces no primeiro cuarto de hora e provocou un erro de Radu na saída da xogada a medio campo. Manzambi, último receptor do roubo, desaproveitouno cun xute moi desviado desde fóra da área.
Mentres Taylor, o colexiado, non paraba de dialogar cos xogadores. Se os dez primeiros minutos correron moito, a seguinte decena foi de máis posesión local, circulación lenta e balóns longos de Radu no saque de porta ante a presión adiantada alemá, moi eficaz na segunda liña. O Celta estaba máis dominado pola súa ansiedade que polo Freiburg.
Superada a media hora, un saque rápido do Freiburg na zona central facilitou a Grifo unha deixada de cabeza para Matanović. O balcánico sorprendeu a Radu cun disparo á escuadra desde fóra da área. Cunha hora por diante, era o punto final a unha eliminatoria na que as rotacións de Giráldez non estiveron acertadas. Moriba, Fer López e Borja Iglesias estiveron tremendamente imprecisos.
Suzuki, no minuto 39, agrandou a diferenza aproveitando un pase de Beste. O xaponés xutou cruzado e o balón afastouse de Radu logo que tocara nun defensa.
Catro substitucións nun arrinque para esquecer
Giráldez comezou o segundo tempo con catro substitucións. A saída foi radicalmente negativa, cun cartón a Vecino por provocar unha cambadela, outro a Iago Aspas por protestar, unha colada de Manzambi sobre a liña de fondo, que non anotou pola intervención e Radu e o 0-3 de Suzuki cun xute e próximo, na perpendicular do primeiro pau, co que asinou a súa dobrada.
O Celta púñase cun 3-0 adverso por terceiro partido consecutivo e puido se peor se Scherhant, que acababa de entrar, non mandara a pelota á base do pau nunha clara contra.
Aproveitando a relaxación, Fer López buscou o gol da honra cun disparo desde fóra da área que non foi entre os paus. Tampouco o atoparía El-Abdellaoui en dous man a man ante Atubolu, que salvou coa perna an ambos casos. Tampouco Jutglà, perto do punto de penalti, desviando co corpo un xute de Marcos Alonso no minuto 72.
O defensa tería outra no 75, pero mandou alto o balón solto que caera afastado do segundo pau tras tres corners consecutivos do Celta.
O gol non estaba co Celta como se viu no minuto 82, cando Jutglà cruzou un testarao á base do pau.
Cando o partido entraba nos derradeiros segundos, Swedberg fixo o 1-6 global cunha contra que rematou axustando un disparo cruzado. Era o punto final a un periplo europeo que tivo máis gloria que pena, malia a inferioridade en cuartos de final ante o Freiburg.
Ficha
XOVES 16/04/2026 (18,45) Campo: BALAÍDOS (21.955)
R.C. CELTA : 1 – SC. FREIBURG : 3 (0‑2)
CTA : Radu; Javi Rodríguez, Yoel (Sergio D), Marcos Alonso; Javi Rueda (El-Abdellaoui D), Vecino (Hugo Álvarez 64’), Moriba (Swedberg D), Mingueza; Fer López, Borja Iglesias (Iago Aspas D), Jutglà. Tre. Claudio Giráldez. (Banco; Villar (g); Aidoo; Manu; Núñez; Ristić; Hugo Sotelo; Pablo Durán).
FRE : Atubolu; Treu, Ginter, Lienhart (Ogbus 71’), Mokengo; Beste (Irié 83’), Eggetein, Suzuki, Manzambi (Höfler 71’), Grifo (Scherhant 56’); Matanović (Höler 56’). Tre. Julian Schuster. (Banco: Müller (g); Huth (g); Jung; Kübler; Philipp; Günter; Steinmann).
Goles: 0-1 Matanović 33’; 0-2 Suzuki 39’; 0-3 Suzuki 51’; 1-3 Swedberg 90’.
Árbitro: Taylor (Inglaterra). Auxiliares: Beswick e Cook. 4º árb.: Jones.
VAR: Gillett. AVAR: Attwell.
Disciplina: CA: Matanović 45’; Moriba 45’; Vecino 49’; Iago Aspas 49’; Ginter 57’; Hugo Álvarez 87’.
Fotografia. @RCCelta