A Deputación da Coruña organiza unha xornada sobre as novas violencias machistas dixitais

O encontro reunirá na Coruña a persoas expertas en xénero, comunicación e tecnoloxía para abordar fenómenos como a manosfera, os discursos de odio contra as mulleres, a idealización da submisión feminina ou a violencia de xénero con IA

A Deputación da Coruña organiza o vindeiro 23 de abril unha xornada centrada nas novas violencias machistas dixitais, no marco da súa campaña ‘De Fronte’, unha iniciativa orientada á prevención e á loita contra a violencia de xénero. A actividade terá lugar no Museo de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) en horario de 9:30 a 19 horas e as persoas interesadas pódense inscribir de balde na web defronte.gal.

A deputada de Igualdade, Sol Agra, explicou que esta xornada forma parte dun proxecto que naceu ao redor da conmemoración do 25N, Día da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, mais que hoxe é unha «estratexia comunitaria consolidada que se desenvolve ao longo de todo o ano e une 93 concellos, 86 entidades e 38 centros de ensino da nosa provincia».

Segundo a deputada, esta xornada responde á «preocupación» da Área de Igualdade «ante o avance dos discursos negacionistas e das correntes reaccionarias, fascistas, que pretenden disfrazar o machismo como elección ou estilo de vida».

Neste contexto, movementos como o das tradwives ou a estética coquette «difunden, sobre todo entre a mocidade, unha perigosa idealización da submisión feminina, da dependencia económica e da volta aos roles de xénero tradicionais». Estes discursos «non son inocentes» —alertou Agra—, pois forman parte «dunha estratexia que pretende un retroceso global e que tenta desactivar o feminismo e perpetuar as desigualdades».

Análise, conversatorio e diálogo aberto

Baixo o título ‘Non deixemos que o futuro nos leve ao pasado’, o programa desenvolverase en xornada de mañá e tarde en formato de conferencias e conversatorios, combinando análise experta e diálogo aberto, co obxectivo de compartir coñecemento, experiencias e propostas de acción.

Sol Agra incidiu na importancia de facer unha «reflexión colectiva» sobre a efervescencia de fenómenos como a manosfera, os discursos de odio contra as mulleres, o conservadurismo relacional ou a manipulación a través da intelixencia artificial, dinámicas emerxentes «que están a medrar na contorna dixital e que teñen xa un impacto directo na realidade social».

Programa da xornada

Entre as persoas relatoras participantes atópanse especialistas de referencia nos ámbitos da comunicación, a socioloxía, a enxeñaría e os estudos de xénero, vidos de todo o Estado. A xornada distribúese en tres bloques:

— Bloque 1: Manosfera e plataformas. Contarase con Ferran Lalueza (UOC) e Asunción Bernárdez (UCM) para analizar como as plataformas dixitais se converteron nunha «barra libre» para a violencia machista e como opera a inversión ética nestes discursos de odio da manosfera. Haberá tamén un conversatorio aberto con Iria Vázquez (Uvigo) e Jorge García (USC).

— Bloque 2: O reto da intelixencia artificial. O profesor José Julio Fernández (USC) e expertas como Laura Castro, Teresa Piñeiro e Palima Piot (USC) abordarán a discriminación de xénero nos algoritmos e os riscos da IA para os dereitos fundamentais.

— Bloque 3: Estéticas de submisión e radicalización. Pola tarde, Elisa García Mingo (UCM) falará sobre as novas estéticas dixitais da submisión e haberá unha conversa con Nuria Alabao, autora do libro «Ínceles, gymbros, criptobros y otras especies antifeministas. Lo que la manosfera nos dice del mundo en que vivimos», que analizará como o antifeminismo se converte nun síntoma da precariedade entre a xente máis nova.

A xornada contará tamén con espazos de conversa con creadoras e creadores de contido dixital, como Antón (tiktoker), Miguel García (tiktoker), María Prado Rúa e Leti ‘Adochinto’, así como coa participación do colectivo Aventeira, incorporando así distintas voces e perspectivas sobre o impacto das violencias dixitais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios