A Deputación da Coruña inaugurou esta tarde en Studio Follow (A Coruña) a xornada ‘Radiografía da escena musical alternativa’. Esta iniciativa, impulsada pola Área de Cultura no marco do ciclo ‘A Cultura é un Dereito’, converterá durante dous días a cidade nun espazo de encontro, reflexión e intercambio arredor da creación musical contemporánea.
O acto de apertura, esta tarde, contou coa participación da deputada de Cultura, Natividade González, que puxo en valor o papel das institucións públicas á hora de seguir ampliando os espazos de reflexión ao redor da cultura «desde unha perspectiva aberta e conectada co presente». Neste sentido, subliñou que «a cultura é unha responsabilidade pública, é un dereito, e por iso debe atender tamén as novas realidades creativas e os espazos onde se constrúe».
Acompañada pola coordinadora do evento, Carolina Martínez, e do responsábel técnico, Míchel Valiña, a deputada destacou que este tipo de iniciativas permiten «xerarmos pensamento compartido sobre os procesos culturais que están a transformar a sociedade», ao tempo que contribúen a «recoñecer e facer visíbeis» ámbitos fundamentais da creación actual como a música alternativa e independente.
As xornadas continuarán mañá sábado cun programa que afondará en cuestións como os modelos de programación alternativos, o papel dos selos discográficos independentes ou o fenómeno dos microfestivais, combinando novamente espazos de debate con showcases e actuacións musicais.