O álbum do dúo formado por Claudia Abril e Marina Carpente é unha viaxe que mestura a música de raíz, principalmente galega, con novas sonoridades
Este venres 17 de abril, o panorama musical galego recibe un dos traballos máis agardados da temporada. O dúo ABRIL, formado por Claudia Abril e Marina Carpente, presenta Medrar, o seu primeiro álbum de estudio. Un proxecto que nace como un «raio de luz» para inaugurar un novo tempo na música de raíz, fusionando a tradición cunha sonoridade ampla e contemporánea.
Alén das xa coñecidas Nas horas avelaíñas e 2caras, este venres 17 as composicións que dan vida ao seu universo sonoro: Marañas, Arredor da mesa, Abrir os ollos, Dices, dices, Escribíache unha carta (ft. Lontras), As cores d’Abril, e (Outro) Tempo son os títulos que completan o álbum.
As nove pezas de Medrar beben de fontes orais e arquivos fundamentais da nosa tradición, dende melodías de Caroi (Cotobade) e Toutón (Mondariz), ata sonoridades de Balouta (Ancares leoneses), o legado de Florencio dos Vilares na Fonsagrada ou o canto de «Teresa dos Cucos» en Malpica. Esta materia prima, recollida por investigadores como Xisco Feijóo, Xandre Outeiro ou Guillerme Ignacio, transfórmase en mans de Abril en novos himnos grazas á suma de letras orixinais e á colaboración de músicos como Juan Arca (Lontras), Joana Gumí, Sunil López ou Hugo Franco.
Medrar non é só un título; é unha declaración de intencións. O álbum nace do concepto do «lugar seguro», as redes afectivas e é tamén unha celebración do facer colectivo: un disco construído en equipo: a narrativa visual foi creada por Marte Martinka e Miguel Méndez (Fotomatong), coa escenografía de Laura Iturralde e José Faro ‘Coti’ (nononon.lab) e o deseño gráfico de Sara Castro. O traballo, producido por Zalo Rodríguez e mesturado por Hevi (Laboratorio Soyuz), logra un equilibrio hipnótico onde a pandeireta e o violín conviven organicamente coa electrónica.
O traballo coceuse paseniño e a lume lento entre os estudios Ancestral de Isaac Millán, en Xustáns (Pontecaldelas) e o Pazo de Mariñán (residencias creativas da Deputación da Coruña). A posta en escena de ABRIL promete levar esa «cabaña» de luz e teas aos escenarios, creando unha experiencia sensorial única que acompañará a voz de Claudia e o violín de Marina.
Presentación e celebración en Vigo
Para celebrar a chegada de Medrad ás principais plataformas dixitais, as artistas convocan ao público a unha experiencia de escoita íntima este mesmo venres 17, ás 19:00 horas, no espazo de creación artística vigués Nononon.lab, onde Claudia e Marina debullarán o proceso creativo e o concepto do álbum, ademais de dar algunhas “sorpresas” ás persoas asistentes.
O acceso será libre previa inscrición a través deste formulario, dispoñible no enlace da biografía de Instagram de ABRIL.