A Xunta iniciou de oficio o pasado 17 de marzo o procedemento de extinción das 3 concesións que Naturgy ten activas no Tambre por «transcurso do prazo concesional». Trátase de tres aproveitamentos hidroeléctricos, Tambre I, de 22.300 l/s e 6,14 MW; Tambre II, de 50.000 l/s e 53,43 MW; e Tambre III, unha minicentral a pé de presa de 5.000 l/s. Estas centrais hidroeléctricas aproveitan a auga encorada no encoro Barrié de la Maza, construído en 1947. Porén, e segundo informou o Ministerio en 2023, as centrais do Tambre I e Tambre II terían aínda concesión vixente até o ano 2031 e 2048 respectivamente. Resulta insólito que a Xunta, sempre renuente a iniciar expedientes de extinción de concesións hidroeléctricas caducadas, inicie de oficio este trámite con 5 e 22 anos de antelación para dous destes aproveitamentos.
Este movemento podería ter relación co recente reinicio do procedemento de competencia para a concesión dunha central reversíbel de bombeo na Cornanda (Brión) que tería como depósito inferior o encoro Barrié de la Maza, que dá servizo ás centrais de Naturgy. No procedemento reiniciado agora intervirá tamén Naturgy, actual concesionaria (que primeiramente non entrara no concurso), por unha obriga legal derivada dun «decreto ómnibus» estatal (RDL 8/2023). A Xunta suspendeu en 2024 o procedemento que vén de reiniciar agora, xa con Naturgy dentro. No suposto caso de aprobarse o proxecto de central de bombeo da Cornanda, de 327 MW, o encoro Barrié de La Maza, que actuaría como depósito inferior, continuaría en pé até o ano 2101, o que elevaría a 154 anos o secuestro do Tambre.
Desde ADEGA sospeitamos que detrás do movemento da Xunta de extinguir os aproveitamentos de Naturgy, está a intención da eléctrica de concursar á concesión da balsa da Cornanda, e, deste xeito, trocar tres centrais xa amortizadas e de menor potencia (pouco máis de 60 MW) por unha nova de máis de 300 MW, que fosilizaría a súa presenza no Tambre e alongaría a vida do vetusto encoro de Barrié outros 75 anos máis.
Nuns días abriranse as plicas das propostas para a central de bombeo e poderemos coñecer os proxectos. ADEGA alegará, tal e como aconteceu co trámite de 2023, no sentido de denegar calquera novo aproveitamento que poña en risco o cumprimento do Plano hidrolóxico e as Directivas Marco da Auga e de Hábitats, así como os recursos da ría de Noia.
Atrancos para acceder á información do expediente de extinción das concesións de Naturgy
Ademais de sorprendente, o inicio do procedemento de extinción das concesións hidroeléctricas no Tambre comezou tamén con irregularidades. O 17 de marzo anunciouse no DOG que a documentación do expediente estaría a consulta pública por 20 días. O 31 de marzo, ADEGA dirixiuse a Augas de Galiza para solicitar unha ligazón de descarga para acceder por medios electrónicos á documentación, posibilidade recollida no Anuncio publicado DOG nº 51 do 17/03/2026. A día de hoxe, e co prazo de consulta (20 días) xa rematado, Augas non respostou á nosa solicitude e non achegou ningunha ligazón para descarga, de maneira que dificulta o acceso á documentación do expediente e impide formular as nosas consideracións en prazo. Consecuentemente, vimos de solicitar a Augas que amplíe o prazo para consulta pública do expediente de extinción das concesións hidroeléctricas de Naturgy no río Tambre.
Sexa cal for a conclusión deste procedemento, semella que máis dun século co Tambre secuestrado polo encoro de Barrié e coa ría de Noia sufrindo as consecuencias, é máis que dabondo.