Expertos en saúde e agronomía analizan en Abadín o impacto das macroplantas de biometano

A plataforma veciñal Stopbiogas Abadín celebra este sábado, 18 de abril, ás 16:00 horas no local de Darío (Gontán), a súa II Charla Informativa. Nesta ocasión, o colectivo quere facer público o seu agradecemento e destacar a colaboración especial do científico Máximo Florín Beltrán, quen asesorou á plataforma nos últimos meses para desvelar a realidade técnica dos proxectos de biometano previstos no municipio.

O rigor científico como escudo veciñal

A incorporación de Máximo Florín, doutor en Ciencias Biolóxicas e profesor titular de Tecnoloxías do Medio Ambiente na Universidade de Castela-A Mancha (UCLM), supón un salto de calidade na información que se trasladará á veciñanza. Florín, experto en xestión de augas e restauración ambiental, elaborou un estudio centrado especificamente nas dúas macroplantas que se pretenden instalar en Abadín.

O profesor Florín alerta de que estas instalacións non son simples plantas de tratamento, senón «infraestruturas industriais complexas». Un dos puntos clave que se tratarán na charla, baseándose no seu estudo, é a xestión dos dixestatos: o 95% do residuo que entra na planta permanece tras a extracción do gas, o que supón un risco crítico de contaminación se non existe un tratamento adecuado.

Un panel multidisciplinar para unha información integral

Xunto ao traballo do profesor Florín, a xornada contará coa participación presencial de tres voces autorizadas:

  1. Dr. Evaristo Lombardero (Neumólogo): Exporá os riscos para a saúde pública e o sistema respiratorio derivados das emisións industriais.
  2. José Ángel Salvatierra (Enxeñeiro Agrícola): Analizará o impacto no sector primario e a xestión técnica desde a súa experiencia no CIAM.
  3. Diana Fernández (Gandeira afectada): Ofrecerá o testemuño directo das consecuencias reais que o biogás industrial tivo nas Somozas.

Chamamento á unidade e puntualidade

Desde a plataforma salientan que «grazas á implicación de científicos como Máximo Florín, o pobo de Abadín está hoxe máis protexido e mellor informado». Rógase máxima puntualidade (16:00 h) para respectar o horario de todos os relatores e permitir que os asistentes poidan acudir despois á presentación literaria de Anxo Vidal Rivas no Concello ás 17:30 h.

«Xuntos somos máis fortes e a ciencia está do noso lado«, conclúen desde Stopbiogas Abadín

Comparte éste artículo
No hay comentarios