O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC consolida a súa excelencia científica con tres novas investigacións de alto impacto

Este recoñecemento garante a estabilidade das liñas de investigación lideradas polos investigadores do centro, Alejandro Criado, Armand Hernández e Jesús Mosquera, cuxos traballos abranguen dende o deseño de novos nanomateriais ata o estudo de indicadores climáticos históricos e a creación de máquinas moleculares biónicas

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) fortalece o seu posicionamento como centro de excelencia coa obtención de tres axudas na convocatoria de Consolidación Investigadora 2025 do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través da Axencia Estatal de Investigación (AEI). forman parte do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2024-2027 e están destinadas a estabilizar a carreira de investigadores con perfís destacados.

Os proxectos seleccionados por este programa do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2024-2027, dirixido a estabilizar a carreira de investigadores con perfís destacados, abranguen disciplinas clave como a nanotecnoloxía ou o cambio climático, achegando solucións innovadoras a retos globais. 

Nanotecnoloxía á carta 

O proxecto BENSIN, liderado polo investigador Ramón y Cajal Alejandro Criado (grupo Nanoself), aborda a fabricación de nanotiras de grafeno (GNR) con precisión atómica. Mediante unha innovadora metodoloxía iterativa en solución, Criado busca superar as limitacións de escalabilidade e control estrutural que presentan os métodos actuais. Estas GNR son compoñentes críticos para a espintrónica (tecnoloxía que permite desenvolver memorias máis rápidas e duradeiras entre outros avances), a electrónica e os dispositivos cuánticos de próxima xeración. O proxecto abre o camiño cara a unha síntese escalable, permitindo deseñar unhas propiedades optoelectrónicas definidas.

Reconstruíndo a historia climática para anticipar secas

O proxecto REALCE, liderado polo investigador Ramón y Cajal Armand Hernández (grupo GRICA-Biopast), ten como obxectivo reconstruír o patrón atmosférico do Atlántico Leste (EA) nos últimos 2.000 anos e avaliar o seu papel, na modulación de extremos hidroclimatolóxicos en Europa occidental. A través da análise multidisciplinar de sedimentos de sete lagos da Península Ibérica, o proxecto busca comprobar se o (Atlántico Leste) EA tivo un papel recorrente ou principal nos períodos históricos de seca. Comprender a súa variabilidade é esencial para anticipar futuras secas, adaptar as políticas climáticas e mellorar as avaliacións de riscos.

Máquinas moleculares inspiradas na natureza

O proxecto «Dendrimers as LEGO pieces: Revolutionizing the design of biomimetic assemblies», liderado por Jesús Mosquera (grupo Nanoself), persegue imitar o modo en que a natureza constrúe e fai funcionar máquinas moleculares mediante o uso de polímeros sintéticos. A investigación trata de reproducir con materiais artificiais os principios de organización, movemento e función que existen nos sistemas biolóxicos. Ao utilizar estes polímeros como pezas de «LEGO», o proxecto busca revolucionar o deseño de ensamblaxes biomiméticas para o desenvolvemento de novas tecnoloxías avanzadas a escala nanométrica.

Un impulso á carreira investigadora

A resolución definitiva destas axudas de Consolidación Investigadora supón un fito para o CICA e para a UDC, xa que facilitan a estabilización de investigadores de alto nivel no sistema galego universitario e investigador. Con estes proxectos, a UDC reafirma o seu compromiso coa retención de talento e a xeración de coñecemento.

Sobre o CICA

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas e que, actualmente, conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.  

Desde 2024, o CICA conta co apoio financeiro da Unión Europea a través do Pograma Galicia FEDER 2021–2027 e forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación no sistema universitario galego.   

A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios