Conta con máis de 400 asistentes que compartirán os últimos avances en recuperación de recursos, produción de biocombustibles e bioprodutos, reciclaxe, captura e utilización de carbono e outras tecnoloxías innovadoras para a transición cara a unha economía circular e sostible.
A Coruña será esta semana o punto de encontro da comunidade científica internacional especializada na valorización de residuos e biomasa coa celebración da XI International Conference on Engineering for Waste andBiomass Valorisation (WasteEng2026). O congreso, que foi inaugurado esta mañá prolongarase ata o próximo venres, 10 de xullo. A sede do encontro é aFacultade de Dereito que acolle a máis de catrocentos investigadores e investigadoras, profesionais da industria e estudantes para compartir os últimos avances nun ámbito clave para a transición cara a un mundo máis sostible.
No acto inaugural, participaron Xulio Xosé Ferreiro Baamonde, decano da Facultade de Dereito; María Amalia Jácome Pumar, adxunta da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña; e Juan Ignacio Borrego Vázquez, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña, en representación da alcaldesa. A continuación, a presidencia do congreso presentou a conferencia inaugural.
A edición de 2026 está organizada polos investigadores do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, María del Carmen Veiga e Christian Kennes, referentes internacionais no campo da biotecnoloxía ambiental e a valorización de residuos.
Ao longo das catro xornadas, WasteEng2026 abordará os principais retos relacionados coa transición enerxética e ambiental, poñendo o foco nasinvestigacións e innovacións máis recentes neste ámbito. En particular, o encontro centrarase na conversión de biomasa e residuos en enerxía e materiais de alto valor engadido, así como na presentación de novas soluciónse avances científicos relacionados coa súa valorización. O programa inclúeconferencias plenarias, sesións científicas, obradoiros, comunicacións orais e presentacións de pósteres que permitirán dar a coñecer os avances máis recentes neste ámbito da investigación.
O congreso contará coa participación de destacados especialistas procedentes de universidades e centros de investigación de prestixio internacional, como a Mahatma Gandhi University da India, a Cornell University de Estados Unidos, a McGill University ou a Polytechnique Montréal de Canadá, entre outras institucións.
Ademais do seu valor científico, WasteEng2026 constitúe unha oportunidade para fortalecer a colaboración entre universidades, centros de investigación e empresas, favorecendo a transferencia de coñecemento e o desenvolvemento de solucións innovadoras para afrontar os desafíos ambientais e enerxéticos actuais.
A celebración deste encontro internacional reforza tamén o posicionamento do CICA e da Universidade da Coruña como referentes na investigación en biotecnoloxía ambiental, ao tempo que sitúa a cidade no mapa dos grandes congresos científicos internacionais.
WasteEng celébrase cada dous anos e está considerado un dos congresos de referencia mundial no ámbito da enxeñaría aplicada á valorización de residuos e biomasa. Tras percorrer diferentes sedes internacionais ao longo das súas dez edicións anteriores, a conferencia chega este ano á Universidade da Coruña, consolidando a proxección internacional da investigación do CICA.