O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas e persoal técnico da área de Mobilidade e Infraestruturas anunciaron que a Tenencia de Alcaldía está a traballar na elaboración do proxecto para converter a parcela municipal próxima aos conservatorios e á Escola de Idiomas nun novo espazo de estacionamento no barrio de Fontiñas. Arroxo afirmou que «traballamos para ampliar a rede de estacionamento nun punto no que hai gran demanda especialmente no horario lectivo destas dúas instalacións».
A área de Mobilidade e Infraestruturas traballa para dar uso a esta parcela que conta cunha extensión próxima aos 2.000 metros cadrados «que permitirá gañar case un cento de prazas». Arroxo destacou o traballo da área de Mobilidade na mellora dos espazos de estacionamento «tratando de crear novas prazas onde sexa posible e buscando tamén espazos de estacionamento para vehículos alternativos como as motos».
Neste sentido, Arroxo lembrou que nos últimos anos Fontiñas gañou novas prazas de estacionamento e novos espazos peonís ao executarse a transformación do cruce de Fontiñas co Carril dos Indios e afirmou que esta nova actuación permitirá desfrutar dun novo estacionamento público na outra punta de Fontiñas. Arroxo anunciou que a actuación terá lugar nos vindeiros meses, unha vez se aprobe o proxecto e se prceda á licitación dos traballos.