Leti da Taberna, Marcos Pereiro, Félix el Gato e Oswaldo Digón protagonizan unha programación variada que consolida o festival como un referente cultural no municipio.
18 de abril de 2026. O Festival de Humor da Laracha regresa no mes de maio, consolidado xa como un clásico da programación cultural municipal tras máis dunha década facendo rir ao público. A 12ª edición volverá traer á Casa da Cultura un cartel de alto nivel, variado e pensado para chegar a públicos diversos, mantendo a aposta do Concello pola comedia de calidade da man de Rababiero Promocións Artísticas.
Ao longo de catro venres consecutivos, o escenario acollerá propostas diferentes, con estilos propios e voces recoñecibles, combinando talento galego e estatal nunha programación que busca ofrecer unha experiencia completa e atractiva.
A primeira cita será o venres 8 de maio con Leti da Taberna e o seu espectáculo Enredada. Leticia Miraz, coñecida como Leti da Taberna, chega co seu primeiro monólogo tras acadar grande popularidade como creadora de contidos en TikTok e Instagram, onde suma milleiros de seguidores, participar como concursante no programa da TVG O novo rei da comedia e colaborar en programas da Radio Galega. No espectáculo, en galego e cunha marcada perspectiva feminista, aborda con retranca a relación coas redes sociais e a súa influencia no día a día, propoñendo unha viaxe chea de enerxía na que o público acabará recoñecéndose e rindo de si mesmo.
O venres 15 será a quenda para que Marcos Pereiro faga na Laracha a estrea do seu novo espectáculo: Os marcos. O coñecido actor e cómico presenta un monólogo no que reflexiona, desde o humor, sobre as súas vivencias persoais e os constantes cambios —os “marcos”— que o levaron a construír a súa propia identidade. Cun enfoque orixinal e tras anos de traxectoria, Marcos Pereiro ofrece unha proposta que mestura comedia e análise social cun selo moi persoal.
O venres 22 subirá ao escenario Félix el Gato, cómico madrileño cunha ampla carreira de máis de corenta anos facendo rir tanto en directo como en programas de televisión desde a década dos 80. Porá en escena o seu monólogo Desde mi tejado, no que realiza un percorrido polo cotiá, observando as pequenas cousas do día a día desde unha perspectiva diferente e cargada de humor, como se falase desde o seu propio tellado.
Pechará o festival o venres 29 Oswaldo Digón con IN-CERTO, un espectáculo que combina stand-up e improvisación teatral. Cada función é nunha experiencia única na que o cómico dialoga co público para abordar, con liberdade e moito humor, cuestións moi presentes na sociedade actual como o impacto da tecnoloxía, a ansiedade ou as preocupacións cotiás. Unha proposta dinámica e actual que convida a rir da incerteza que define o noso tempo.
Todas as funcións da 12ª edición do Festival de Humor celebraranse na Casa da Cultura da Laracha ás 22:00 horas. As entradas, ao prezo de 10 euros, estarán á venda a partir do luns 20 de abril na propia Casa da Cultura en horario de luns a venres de 8:00 a 15:00 horas. No caso de quedar entradas dispoñibles, poríanse á venda o propio día do espectáculo desde unha hora antes do seu inicio.