O PP cualifica de «escándalo» o gasto de 100.000 € nunha nave para o «cemiterio de proxectos» do goberno de Lugo

Concelleiros do Grupo Popular realizaron unha visita á nave situada no concello limítrofe de O Corgo, onde o Goberno de Lugo mantén almacenados materiais de proxectos que cualifican como «monumentos á improvisación». No interior do local amoréanse as turbinas da Fábrica da Luz —nas que xa se investiron 700.000 euros— e os pantaláns das piscinas flotantes, infraestruturas anunciadas a bombo e prato que nunca chegaron a materializarse.

Un «cemiterio» de cartos públicos fóra de Lugo

Os populares denuncian que o Concello leva pagados case 100.000 euros só no alugueiro desta nave desde marzo de 2022. Unha contía que non deixa de medrar: a factura mensual pasou dos 1.694 euros iniciais aos 1.936 euros actuais.

“O máis grave non é só o gasto acumulado de xeito pasivo, senón que o Goberno local non ten nin solución nin planificación para estes materiais. Estamos pagando para que o rastro do seu fracaso non estea á vista en Lugo”, sinalan desde o Grupo Popular.

A Fábrica da Luz: catro rehabilitacións sen un só resultado

Para o PP, a situación da Fábrica da Luz é o exemplo máis rechamante de «xestión nefasta». O edificio afronta a súa cuarta rehabilitación en 25 anos e continúa pechado. «Mentres as turbinas deberían estar xerando enerxía e aforro para as arcas municipais, están nunha nave pola que seguimos pagando cada mes», advirten.

O mesmo sucede cos pantaláns das zonas de baño do Miño, un proxecto que os populares consideran «unha promesa baleira» que hoxe só xera gastos de almacenamento.

Falta de rumbo e despilfarro

Desde a formación aseguran que esta situación evidencia un modelo baseado no despilfarro e na falta de planificación. “O goberno local compromete recursos públicos sen garantir resultados. Mentres Lugo ten necesidades reais en mantemento e servizos, seguen asumindo gastos sen retorno para a cidade”.

O Grupo Popular conclúe esixindo un «cambio de rumbo inmediato» na xestión municipal, apostando por proxectos útiles que dean resposta ás demandas da cidadanía en lugar de «seguir alimentando facturas de alugueiro por proxectos que son xa un fracaso recoñecido».

Comparte éste artículo
No hay comentarios