O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Padrón, Ángel Rodríguez Conde, reclámalle publicamente ao goberno local “moita máis dilixencia” na retirada e limpeza do lixo que xera cada semana o mercado dominical -fundamentalmente bolsas, cartóns e papeis- para “evitar que a contorna do Paseo do Espolón e o cauce do río Sar ofrezan unha imaxe lamentable”.
Desde o Partido Popular non se responsabiliza ao concello da “falta de civismo” dalgúns feirantes e do resto da xente que abandona e tira lixo na vía pública, pero si lle reprocha “falta de celeridade na xestión da limpeza”. “Fan falta menos palabras e máis feitos”, asegura Rodríguez Conde, que lembra as críticas de Anxo Arca ao goberno anterior, así como a promesa incumprida de resolver este problema a pesar de que xa leva gobernando dous anos e medio.
“A situación, lonxe de mellorar, empeorou, porque hai semanas como esta nas que chega o xoves e o lixo segue na ribeira do Sar, cando non o leva a auga”, asegura o voceiro popular. Ademais, lembra que o pasado mes de maio o alcalde anunciara un incremento da vixilancia, máis sancións e tamén amagara cunha subida das taxas aos feirantes pero “retirou a súa proposta unilateral da orde do día daquel pleno e non se volveu saber nada”.