Sumar denuncia que Rueda pretende mercar nos despachos de Lugo o que non gañou nas urnas

Movemento Sumar Galicia denuncia que a operación en marcha no Concello de Lugo para promover unha moción de censura non responde ao interese xeral, senón a unha estratexia do Partido Popular para torcer a vontade democrática expresada nas urnas.

As palabras da concelleira exsocialista María Reigosa, na que cualifica unha posible moción de censura como “unha grande oportunidade”, confirma un movemento que xa non se pode cualificar doutro xeito que como transfuguismo.

Movemento Sumar Galicia lembra que este tipo de prácticas vulneran o espírito do pacto antitransfuguismo, sistematicamente ignorado polo Partido Popular cando lle convén para acceder ao poder. A formación acusa directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de estar detrás dunha estratexia baseada en “repartir cheques e comprar vontades” para alterar maiorías saídas das urnas.

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, sinala que “o que está a acontecer en Lugo é un exemplo claro de como o PP entende a democracia: cando non gaña nas urnas, intenta gañar nos despachos, mediante presións e operacións escuras”. Engade que “non se pode permitir que unha tránsfuga decida o futuro dunha cidade enteira ao servizo dos intereses dun partido que non obtivo respaldo suficiente da cidadanía”.

Movemento Sumar Galicia advirte de que entregar a alcaldía ao PP mediante este tipo de manobras non supón ningunha solución para os problemas da cidade, senón un retroceso democrático e político. “Que goberne o PP non é nunca unha oportunidade, é unha traxedia para a maioría social”, conclúe López, quen chama a defender a vontade popular fronte a calquera intento de adulterala mediante prácticas alleas á ética democrática.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios