O Portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, criticou a postura do Partido Popular liderado por Elena Candia «que está a tratar de aproveitarse da morte de 3 persoas para levar adiante unha moción de censura en contra da decisión das urnas en maio de 2025». Arroxo afirmou que nos últimos días comezaron a correr rumores entre a veciñanza de Lugo afirmando que Reigosa podería obter algún beneficio persoal a cambio de apoiar esta moción de censura, e reclamou publicamente tanto a Elena Candia como a María Reigosa que «aclaren se isto é verdade ou non». Segundo Arroxo, «se isto é certo, ademáis da inmoralidade e falta de ética que están a amosar, estariamos ante o maior escándalo da historia da política galega».
Rubén Arroxo criticou unha situación «inmoral e indecente como é aproveitarse da morte de varias persoas», e afirmou que «para Elena Candia Lugo só é un chanzo máis na súa carreira política, presentouse ás eleccións dende Mondoñedo e segue a ver Lugo como un lugar no que estar de paso na súa carreira política». O portavoz do BNG criticou a covardía política de Candia e dixo que «Candia ten que deixar de gardar silencio e explicar se os rumores son certos ou non». Arroxo afirmou isto en referencia a que a lei non permite que os concelleiros tránsfugas formen parte dun goberno elixido mediante unha moción de censura.
Arroxo finalizou renovando o seu compromiso «para conseguir que Lugo funcione» e engadiu «seguiremos traballando para mellorar a vida das e dos lucenses, facendo do concello un lugar mellor».