Último mes para participar na vixésima edición do Premio Internacional ‘Luís Ksado’ de creación fotográfica

A Deputación da Coruña lembra que queda só un mes para participar na 20.ª edición do Premio Internacional ‘Luís Ksado’ de creación fotográfica. A convocatoria procura impulsar a creación artística no ámbito da imaxe e poñer en valor o legado dunha figura clave da fotografía galega, Luís Casado Fernández, coñecido co nome artístico Ksado, nado en Ávila en 1887 e finado en Santiago de Compostela o 6 de febreiro de 1972.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de maio. Poderán participar todas as persoas maiores de idade interesadas na fotografía que non fosen premiadas en edicións anteriores e que presenten obras inéditas, non recoñecidas noutros certames.

O comisario do certame, Xurxo Lobato, salientou a «traxectoria» do Luís Ksado, que «naceu no 1996 e este ano cumpre a súa vixésima edición sendo unha referencia en España». Así mesmo, explicou que «non é só un concurso, pois conta con outras actividades complementarias».

Cada participante deberá presentar unha colección composta por entre seis e doce fotografías, en formato de 30 x 40 centímetros, dentro dos ámbitos do fotodocumentalismo, o fotoxornalismo ou a reportaxe en xeral. As obras poderán ser en cor ou branco e negro e deberán entregarse sen ningún tipo de montaxe ou enmarcado. Non se admitirán imaxes manipuladas dixitalmente nin xeradas con intelixencia artificial.

Dotación do premio

O certame conta cun premio único de 6.500 euros, que poderá quedar deserto ou ser concedido ex aequo. Ademais, o xurado poderá seleccionar outras obras para formar parte dunha exposición itinerante pola provincia, acompañada dun catálogo. As persoas autoras das obras seleccionadas recibirán cinco exemplares da publicación e, no caso de participar na mostra, unha indemnización de 500 euros pola cesión temporal das pezas.

A presentación realizarase baixo sistema de plica, co obxectivo de garantir o anonimato das propostas, mediante o envío da documentación e das obras ao enderezo da Deputación da Coruña.

O xurado estará presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, e integrado por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da fotografía.

Comparte éste artículo
No hay comentarios