Valentín González Formoso destaca que o obxectivo da Rede é “garantir que todas as persoas teñan acceso a apoio, información e recursos, independentemente do lugar onde vivan”.
A Deputación da Coruña e a Asociación Española Contra o Cancro presentaron esta mañá no Espazo Avenida Abanca a Rede de Concellos Contra o Cancro (RCCC), unha alianza que busca reforzar a prevención, o apoio ás persoas pacientes e a promoción da saúde en todo o territorio provincial.
O acto contou coa participación do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e do presidente da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña, Javier Álvarez Barbeito, ademais de deputadas e deputados provinciais, membros do Consello Provincial da Asociación, persoas voluntarias das súas xuntas locais e alcaldes e alcaldesas de distintos concellos da provincia, entre eles A Coruña, Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Boiro, Cabana de Bergantiños, Carral, Cedeira, Cee, Coristanco, Curtis, Ferrol, Fisterra, Irixoa, A Laracha, Mañón, Mugardos, Muxía, Neda, Oleiros, Paderne, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Val do Dubra, Valdoviño, Vilasantar e Vimianzo.
A posta en marcha desta rede prodúcese nun contexto no que o cancro continúa a ser un dos principais retos de saúde pública. Na provincia da Coruña diagnosticáronse 7.959 novos casos no último ano e máis de 16.000 persoas conviven coa enfermidade, cun impacto que vai máis alá do sanitario e afecta tamén ao ámbito social, emocional e económico das familias.
Unha rede para garantir igualdade de acceso
Durante a súa intervención, Valentín González Formoso subliñou o papel clave dos concellos como administración máis próxima á cidadanía e destacou que a nova rede nace cun obxectivo claro: “garantir que todas as persoas, independentemente do lugar onde vivan, teñan acceso a apoio, información e recursos”.
O presidente provincial incidiu na necesidade de reducir as desigualdades territoriais, especialmente nos municipios rurais e semiurbanos, onde existen maiores dificultades de acceso a servizos especializados.
Segundo destacou Formoso durante o acto, a iniciativa representa “unha gran rede de coidado, compromiso e esperanza, construída da man da Asociación Española Contra o Cancro e coa implicación activa dos concellos da provincia.”
Pola súa banda, Javier Álvarez Barbeito destacou que “O proxecto Rede de Concellos Contra o Cancro constitúe un novo paso no camiño que temos que recorrer para que as oportunidades dos pacientes sexan as mesmas, independentemente de onde residan. De aí que o apoio da Deputación da Coruña e dos concellos da provincia sexa decisivo”
Prevención, acompañamento e comunidade
A Rede de Concellos Contra o Cancro estrutúrase arredor de tres grandes eixos de actuación: a prevención mediante a promoción de hábitos de vida saudables, o acompañamento ás persoas enfermas e ás súas familias, e o impulso da acción comunitaria a través do voluntariado.
O proxecto permitirá reforzar a coordinación entre concellos, servizos sociais, atención primaria e a propia Asociación, creando unha estrutura estable de cooperación a nivel provincial.
A iniciativa parte da experiencia da Asociación Española Contra o Cancro na provincia, que conta con 32 profesionais, 775 persoas voluntarias e presenza en 45 concellos, atendendo a máis de 2.500 persoas ao ano con servizos gratuítos de apoio psicolóxico, social e rehabilitador.
Entre as accións que se desenvolverán destacan a creación de espazos libres de fume, campañas de sensibilización, o impulso de programas comunitarios como os Clubs de Saúde e a extensión de recursos de apoio ás persoas pacientes e ás súas familias.
Un investimento para chegar a todo o territorio
A Rede de Concellos Contra o Cancro contará cun orzamento global de 211.475 euros, dos que a Deputación da Coruña achegará o 75 % a través dun convenio coa Asociación, garantindo así a estabilidade e a implantación do proxecto en toda a provincia.
Este investimento permitirá reforzar o equipo técnico, desenvolver accións de prevención e apoio, avaliar o impacto das actuacións e consolidar unha rede coordinada entre institucións e tecido social.