Gómez Besteiro: «A cidadanía fará pagar ao PP o seu comportamento en Lugo»

. O secretario xeral do PSdeG e líder da oposición, José Ramón Gómez Besteiro, cargou hoxe contra o pacto que consumou a moción de censura no Concello de Lugo e situou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no marco da «inmoralidade» polo seu silencio cómplice ante o que cualificou como unha «compra-venda vergoñenta» do goberno municipal.

Besteiro foi directo: non había motivación para esta moción. O Concello tiña orzamentos aprobados, tiña estabilidade. «Todo foi unha amaño para intentar defender algo indefendible, como é acceder pola porta de atrás a un goberno», afirmou. O PP recorreu ao transfuguismo porque sabe que non é quen de gañar Lugo nas urnas. “Tres veces en tres décadas tentou este movemento”, lembrou.

«Cando un partido non ten límites para chegar ao poder, que tipo de goberno esperamos? Pois un que non teña límites», sinalou o líder socialista, quen insistiu tamén na necesidade de limpeza na política: «O límite é ter límite en política. É ter conciencia. Quen non ten conciencia non ten límites, e podemos esperar o peor».

Besteiro fixo da honestidade o eixo da súa intervención ante os medios. «Estamos fronte a malas persoas, e iso en política é importante. Hai que reivindicar o goberno das boas persoas, o goberno das persoas con conciencia, con límites. A diferenza entre o ben e o mal existe, e na política aínda é máis necesaria», remarcou. E apelou á intelixencia dos lucenses: «A cidadanía de Lugo é ben intelixente. É poboación honesta, e quere tamén un goberno honesto».

Sobre a situación humana que rodea esta moción, Besteiro lembrou a morte de tres concelleiros socialistas durante o mandato, incluída a propia alcaldesa, e sinalou que o PP decidiu actuar precisamente nese contexto. «A situación emocional que se viviu no último ano afectounos. Pero isto non é o mesmo que ningunha outra moción, e a resposta cidadá tampouco é a mesma. Aí está a clave», dixo.

Besteiro recordou que este marte emprazou directamente a Rueda: ou se pronunciaba contra a inmoralidade desta operación, ou a avalaba co seu silencio. Rueda escolleu calar. «A calada de Rueda sitúao no marco da inmoralidade», dixo sen ambigüidade.

O líder socialista avisou de que «a cidadanía fará pagar estes comportamentos, porque a xente non está co mal, está co ben». E comparou a situación coa Deputación de Lugo, que o PP tamén arrebatou aos socialistas en 2015 coas mesmas artes e que o PSdeG recuperou despois. «Igual que recuperamos a Deputación dun PP que chegara coas mans sucias, imos facer o mesmo no Concello de Lugo», asegurou. E rematou confiado: «Este goberno durará pouco. A recuperación dun goberno decente e progresista para Lugo será máis cedo que tarde».

Matrícula gratuíta nos mestrados

Besteiro fixo estas declaracións tras visitar a Escola de Arte Superior de Deseño Mestre Mateo, onde anunciou que o PSdeG levará ao Parlamento unha batería de iniciativas para estender a gratuidade da primeira matrícula aos mestrados oficiais. Preto de nove mil estudantes galegos necesitan cursar un mestrado que cada vez se converte en requisito case imprescindible para acceder ao mercado laboral, pero moitos non poden asumir o custo. O PSdeG xa o plantexou no debate orzamentario e volve emprazar á Xunta para que asuma este investimento, que Besteiro cualificou de «cuantitativamente menor» para as arcas autonómicas, sen cargar ás universidades.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios