O colectivo das Pedras Galladas, de Culleredo, convoca este sábado, 25 ded abril, unha nova actividade de inspección do río Valiñas ao seu paso por Ledoño, dentro do marco do Proxecto Ríos impulsado por ADEGA. A iniciativa busca analizar o estado de saúde do río e fomentar a implicación da veciñanza na conservación do medio natural.
A xornada comezará ás 10:30 horas, o punto de encontro será o Centro Social Ledoñés. Durante a actividade, as persoas participantes realizarán tarefas de observación e recollida de datos sobre o estado da auga, a biodiversidade e o entorno fluvial. O material necesario será facilitado pola organización, polo que non se require experiencia previa nin equipamento específico, aínda que se recomenda acudir con roupa cómoda e calzado todoterreo.
Dende Pedras Galladas destacan que esta actividade está aberta a toda a cidadanía, polo que pode participar calquera persoa interesada en coñecer mellor o seu entorno e colaborar na súa protección.
Esta iniciativa enmárcase no Proxecto Ríos, un programa de educación e voluntariado ambiental que promove o coñecemento, respecto e coidado dos ecosistemas fluviais en Galicia. A través de inspeccións periódicas, as persoas participantes aprenden a analizar o estado dos ríos empregando metodoloxías sinxelas, ao tempo que contribúen á recollida de información útil para a súa conservación.
No caso das Pedras Galladas, o colectivo leva xa tempo coa custodia dun tramo do río Valiñas, realizando dúas inspeccións ao ano e outras actividades de coidado e sensibilización. Este traballo continuado permite facer un seguimento da evolución do río e reforzar o vínculo da comunidade co seu entorno natural.
Actividades como esta permiten non só obter datos sobre o estado do río, senón tamén fomentar a participación activa da veciñanza na defensa do patrimonio natural.
Máis información:
https://www.pedrasgalladas.gal/blog.html#inspeccion-valinas-abril26
Actividade: Inspección do río Valiñas
• Lugar: Centro Social Ledoñés (Ledoño, Culleredo)
• Data: 25 de abril de 2026
• Hora: 10:30 h
• Requisitos: Roupa cómoda e calzado todoterreo
• Duración estimada: 2 horas